Ana Laura Iglesias: “Mentres A Coruña dá o paso lóxico e solidario, o goberno de Luís López segue a gardar un silencio vergoñento ante esta catástrofe humanitaria. Unha provincia solidaria como é a de Pontevedra non merece un goberno como este”
O anuncio por parte do presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso, que ven de ofrecerse ante o delegado do Goberno, Pedro Blanco, para acoller a persoas migrantes africanas procedentes de Canarias é unha nova evidencia da actitude insolidaria e da falta de humanidade da Deputación de Pontevedra.
A voceira socialista, Laura Iglesias, lamenta que mentres a Deputación da Coruña “dá este paso lóxico e solidario, a de Pontevedra continúe a gardar un vergoñento silencio, a pesar das distintas iniciativas do grupo provincial socialista que, dende o ano pasado, tenlle reclamado que dea pasos á fronte para mostrar que esta provincia e as súas institucións son acolledoras diante da catástrofe humanitaria que se está rexistrando en varios países de África e a insostenible situación que vive a Comunidade Autónoma de Canarias.
O grupo socialista xa presentou varias mocións no pleno da Deputación reclamando que o goberno provincial poña a disposición a residencia do Centro Príncipe Felipe, a última na sesión do pasado venres na que a resposta do Partido Popular foi o seu voto en contra. “Xa non disimulan, dixo Iglesias. O pasado ano practicaron a hipocrisía abstivéndose na votación da moción, que foi por tanto aprobada, deixándoa logo sen cumprir nin ofrecerse á Delegación do Goberno nin á FEGAMP para concretar a acollida. Agora directamente dan as costas ás nenas e nenos que están sufrindo”.
A Deputación dispón dun recurso idóneo no Príncipe Felipe para unha acollida de emerxencia, onde o colectivo de migrantes, (tanto se son menores como adultos), pode estar acollido en perfectas condicións e coas súas necesidades cubertas, pero prefire mantelo baleiro e sumarse ás políticas antiemigración que últimamente impregnan tódalas accións do Partido Popular. “Funcionan ao peor estilo VOX, incluíndo manifestacións e xestos claramente xenófobos como o de suxerir que os buques da Armada vixíen os cayucos ou votar en contra do reparto solidario dos menores acollidos en Canarias entre tódalas comunidades autónomas de España”.
Nese sentido, a portavoz socialista instou ao presidente Luís López a que “reflexione e teña un pouco de altura humana para acoller a nenos e persoas adultas que están a vivir unha situación terrible cando pode facelo sen problemas e cando, amais, preside unha provincia solidaria que non se merece actitudes deste estilo nin un goberno como este”.




