O preto dun centenar de participantes do I Laboratorio de ideas en xestión de residuos, organizado pola Deputación, centrou a súa segunda xornada en buscar solucións aos retos que foron identificados onte, na súa primeira xornada.
Deste traballo en rede, no que participaron representantes e técnicos de concellos de toda a provincia, extraeranse conclusións que servirán para sentar as bases de futuras políticas provinciais en materia de xestión de residuos.
Cómpre lembrar que desde 2022, a lei de residuos obriga aos concellos a buscar fórmulas para xestionar separadamente a materia orgánica, poñendo en marcha medidas tales como a concienciación e sensibilización ambiental ou o chamado “pago por xeración”, é dicir, a aplicación dunha taxa en función da cantidade de residuos que se producen, do mesmo xeito que se aplican as taxas polo consumo de auga.
Precisamente co obxectivo de desenvolver novos modelos de xestión adaptados ao territorio ourensán, a Deputación organiza por primeira vez este laboratorio de innovación, pois a busca de solucións á xestión dos residuos orgánicos nas zonas rurais e un obxectivo estratéxico, pois nun territorio co elevado índice de dispersión de poboación que ten Ourense, xéranse uns grandes custos económicos para a súa recollida. Cabe apuntar ademais que un recente estudo realizado pola área de Medio Ambiente da Deputación detectou un cambio de hábitos no rural, que se reflicte nunha redución da compostaxe e o consecuente incremento da chamada “bolsa negra”.




