Gobernos locais e provinciais de España e Iberoamérica danse cita neste encontro formativo, presencial e virtual, impulsado pola Deputación de Ourense e a George Washington University, que ten como obxectivo o intercambio de experiencias innovadoras no ámbito local e promover unha xestión pública baseada na calidade, a accesibilidade e a innovación
Manuel Baltar, quen participará no evento, mantivo hoxe unha reunión previa con Sergio Arredondo, secretario executivo da Federación Latinoamericana de Cidades e Municipios ( FLACMA), entidade que engloba a 16.360 entidades locais de 33 países de América Latina
Ourense acolle mañá e pasado o “Cume Internacional de Innovación e Excelencia Pública”, un evento de capacitación cooperativa que impulsa a Deputación de Ourense, a George Washington University, o Instituto Internacional de Marketing e Comunicación e a Federación Latinoamericana de Cidades, Municipios e Asociacións de Gobernos Locais ( FLACMA) co obxectivo de intercambiar de experiencias innovadoras no ámbito local e promover unha xestión pública baseada na calidade, a accesibilidade e a innovación.
Gobernos locais e provinciais de España e 16 países de Iberoamérica danse cita neste encontro formativo -presencial e virtual-, que se celebra no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, no marco do cal o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, celebrou hoxe unha reunión previa con Sergio Arredondo, secretario executivo da FLACMA, para analizar liñas de colaboración entre esta entidade e a Deputación de Ourense, como tamén coa rede de gobernos provinciais de Europa ( Partenalia) e a asociación europea de cidades e territorios termais ( EHTTA), institucións ambas que preside Baltar.
A importancia de establecer alianzas de cooperación coa FLACMA –que engloba a 16.360 entidades locais de América Latina- “é unha oportunidade para seguir tendendo pontes de colaboración entre Ourense e América, que reforzarían os importantes vínculos históricos e sociais que xa unen ao noso territorio provincial coa práctica totalidade dos países americanos”, afirma Manuel Baltar, quen considera que este cume internacional, que ten como protagonista a Ourense, “será un magnífico elemento para canalizar, a través da formación e o intercambio de experiencias na xestión pública, proxectos e iniciativas de boas prácticas administrativas e gobernamentais”.
La Cumbre Internacional de Innovación e Excelencia Pública congrega entre mañá e o vindeiro mércores a recoñecidos profesionais internacionais coa finalidade de servir de plataforma de debate en materias como bo goberno, comunicación, liderado, marca territorial e innovación pública para o desenvolvemento de instrumentos que permitan mellorar a calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.




