HomeDeputaciónsDeputación PontevedraTeresa Ribera e María Teresa Fernández de La Vega participan na xornada...

Teresa Ribera e María Teresa Fernández de La Vega participan na xornada da Escola María Vinyals que arranca este xoves da man da Deputación e da USC

- Anuncio -spot_img

A vicepresidenta do Goberno e a presidenta do Consello do Estado intervirán na apertura e na clausura desta dobre xornada que vai poñer o foco no papel das mulleres da administración pública no liderado da Axenda 2030

A vicepresidenta cuarta do Goberno e Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a presidenta do Consello do Estado e unha das referentes globais no compromiso coa axenda feminista, María Teresa Fernández de la Vega, participarán na xornada da Escola María Vinyals que, da man da Deputación e da USC, arranca este xoves no Pazo Provincial, para poñer o foco no papel das mulleres da administración pública no liderado da Axenda 2030.

Ambas as dúas mandatarias intervirán, respectivamente, no acto de apertura e da clausura desta dobre xornada, que terá unha primeira parte este xoves e unha segunda o xoves seguinte. “A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro” contará cunha vintena de expertas moi recoñecidas, mulleres da administración e da política que achegarán a súa propia visión e experiencia en canto á consecución dos ODS dende a xestión pública no ámbito socio-sanitario, na investigación, na educación pública, no liderado institucional, no urbanismo sostible ou no mundo local.

A xornada, na que están inscritas máis dun cento de persoas e que se desenvolverá en formato híbrido, presencial e on line, estrutúrase en catro mesas de debate, dúas por día, máis a apertura e a clausura. O papel das mulleres no liderado dos servizos socio-sanitarios e na investigación e educación pública centrará o debate deste xoves e o programa do vindeiro 29 de abril centrarase no liderado feminino na administración e o seu avance cara a igualdade e as cidades sostibles.

A apertura deste xoves, no que participará a vicepresidenta do Goberno e Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, xunto á presidenta Carmela Silva, á directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, e á coordinadora da xornada, María Xosé Rodríguez Galdo, terá lugar ás 9.30 horas. A continuación, desenvolverase a mesa “O papel das mulleres no liderado dos servizos socio-sanitarios” coa catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, a CEO de Nanogap, Tatiana López, e a xefa de Pediatría do Álvaro Cunqueiro, Ana Concheiro. Na segunda mesa “O papel das mulleres en prol da investigación e educación pública de calidade”, participarán a primeira directora da Unidade “Mujeres y Ciencia” do Ministerio de Educación, Capitolina Díaz, a directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, e a presidenta de Estalmat, Elena Vázquez.

A segunda parte de “A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro” será o vindeiro xoves 29 e arrancará ás 9.30 coa mesa “O liderado feminino na administración e o seu avance cara unha igualdade real”, na que a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, conversará coa primeira muller en ser nomeada Directora Financeira da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación “Mujeres en el sector público”, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Parajó. A última mesa sobre “Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas”, contará coa intervención da concelleira delegada do Departamento de Territorio de Vitoria Gasteiz, Ana Oregi, a xornalista especialista en comunicación na administración pública local, Amalia López, e a directora da ORAL da Deputación, Inmaculada Viña. A clausura da xornada será ás 13 horas e nela participarán a presidenta do Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, xunto á presidenta provincial Carmela Silva, María Xosé Rodríguez Galdo e María Cadaval da USC, e a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

Publicacións Relacionadas