HomeDeputaciónsDeputación OurenseXunta e Deputación de Ourense reforzan a colaboración en materia de incendios...

Xunta e Deputación de Ourense reforzan a colaboración en materia de incendios forestais

- Anuncio -spot_img

Manuel Baltar destacou tamén “a cooperación no ámbito agroalimentario, nesta nova etapa do Inorde, na que se abren importantes posibilidades, tendo en conta que Ourense é un territorio netamente rural e a colaboración entre consellería e Deputación de Ourense fai posible que se sigan materializando proxectos de gran relevancia para a nosa provincia”

José González lembrou que a Deputación de Ourense “foi a única que colaborou en materia de incendios forestais o pasado ano”, e enxalzou a intervención de medios municipais en labores de prevención e extinción

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe no Pazo Provincial unha reunión de traballo co conselleiro de Medio Rural, José González, encontro no que os representantes de ámbalas dúas institucións –Deputación e Xunta- acordaron seguir fortalecendo a alianza de colaboración en materia de lumes forestais, como así o fixeron en 2020 financiando a compra de maquinaria para a prevención de lumes cun investimento total de 900.000 euros.

Baltar expresou que esta cooperación “vímola mantendo desde hai tempo e nesa liña seguiremos, como o fixemos este ano co convenio que permite aos concellos da provincia de Ourense contar con maquinaria municipal para as tarefas de prevención de incendios forestais, e outra liña para a adquisición de maquinaria destinada aos concellos”. Asemade, no encontro avaliaron “as capacidades do sector agroalimentario da provincia de Ourense, nesta nova etapa do Inorde, coa nova xerencia, na que se abren importantes posibilidades, tendo en conta que Ourense, como Galicia, é un territorio netamente rural e a cooperación e a comunicación fluída entre a consellería e a Deputación de Ourense fai posible que se sigan materializando proxectos de gran relevancia para a nosa provincia”.

Esta foi a primeira reunión do conselleiro de Medio Rural dentro da rolda de contactos que manterá con todas as deputacións provinciais para abordar a prevención de incendios forestais na comunidade. Neste sentido, lembrou que a de Ourense “foi a única deputación galega que aceptou colaborar en materia de incendios forestais o pasado ano”, polo cal, José González agradeceu ao presidente Baltar a colaboración institucional e aproveitou para enxalzar a intervención de medios municipais en labores de prevención e extinción. Así, manifestou a intención da Xunta de reforzar a formación destes profesionais, e lembrou que dentro do plan de formación que ten en marcha a consellería, unha das medidas céntrase en instruír aos traballadores adscritos á Administración Local que participan no operativo de extinción, para que poidan desenvolver as súas funcións contando coa adecuada cualificación profesional e coordinados cos medios dispoñibles a nivel autonómico.

Tamén relativo á prevención, o conselleiro e o presidente da Deputación fixeron fincapé na importancia de seguir financiando conxuntamente a adquisición de tractores e rozadoiras aos concellos, para que poidan realizar labores de limpeza de matogueira nos seus respectivos territorios. Grazas a iso, fomentouse o mantemento e limpeza da maleza nas infraestruturas rurais de titularidade municipal e nas masas comúns das concentracións parcelarias, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de xestión en terreos de titularidade municipal ou descoñecida.

Doutra banda, ambos dirixentes abordaron a posibilidade de renovar o acordo que facilita que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes, tales como áreas de devasa e mantemento de pistas e camiños que atravesen as zonas de actuacións de xestión de biomasa.

Recuperación da terra agraria

Noutra orde de cousas, abordaron a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento galego. Esta norma recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, promovendo a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto fará posible anticiparse aos lumes forestais e traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural.

O titular de Medio Rural subliñou o peso dos polígonos agroforestais, que permitirán reestruturar a propiedade e poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. No caso da provincia de Ourense, xa están en marcha os dos concellos de Cualedro e Oímbra, cos que se espera mobilizar unha ampla superficie para diversas producións. Ademais, o conselleiro trasladou que na provincia ourensá tamén se prevén outros catro polígonos para a plantación de viñedo, que se localizarán nos concellos de Carballeda de Avia, A Arnoia, Castrelo de Miño e Leiro, dando así resposta á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro, no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra. Así mesmo, están en diferentes fases de identificación e caracterización outros tantos polígonos agroforestais para a produción de viñedo nas outras tres denominacións de orixe presentes na provincia, que abranguerían no seu conxunto un total de 500 hectáreas.

Publicacións Relacionadas