A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe por videoconferencia unha xuntanza con directores dos CIMs de Galicia, unha rede de 83 centros que presta axuda en 182 concellos ás mulleres galegas que o precisan, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza cos directores dos 83 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, a rede de apoio permanente ás mulleres galegas que o precisan, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero. En total, este recurso presta servizo en 182 concellos galegos.
Lorenzana informou na xuntanza da convocatoria de axudas da Xunta para este ano, que será de 4,9 millóns de euros, unha contía que crece con respecto a 2020 nun 10,5%, e que se suma aos máis de 18 millóns de euros de apoio a estes centros por parte da Administración autonómica nos últimos cinco anos. Cada entidade local poderá recibir en 2021 como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das solicitudes de xestión compartida.
A titular de Emprego e Igualdade destacou que nos últimos cinco anos, os traballadores e traballadoras dos Centros de Información á Muller (CIM) atenderon a máis de 46.000 mulleres e puxo en valor este servizo, un “recurso prioritario para a Xunta” no que se ofrece con carácter permanente atención e asesoramento xurídico e psicolóxico de xeito individual ou colectivo, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero, con especial atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Os Centros de Información á Muller (CIM) tamén ofrecen apoio na busca de emprego para aquelas mulleres que non teñan un traballo ou queiran melloralo co obxectivo de garantirlles a súa independencia económica, o primeiro paseo de ruptura co agresor nos casos de violencia de xénero.
Co reto de seguir garantindo un servizo de calidade, Lorenzana tamén avanzou que a Consellería de Emprego e Igualdade xa está a deseñar o III Plan de formación para o persoal dos CIM coa apertura de propostas de temáticas. Ao longo de 2020 leváronse a cabo seis cursos de formación, que se desenvolveron de xeito virtual e nos que participaron 110 persoas. As temáticas centráronse en técnicas de autocoidado para previr e atallar o síndrome de Burnout; teletraballo e eficiencia; o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e as repercusións nas mulleres perceptoras doutras axudas; migracións e reto demográfico; atención telefónica como axuda para mellorar a prestación de servizos ás persoas usuarias dos CIM; e a comunicación a través das redes sociais.
Na provincia da Coruña existen 29 CIM que aglutinan a 53 concellos; en Lugo hai 11 con servizo a 37 concellos; en Ourense están rexistrados 16 que prestan atención a 53 localidades; e en Pontevedra hai 27 con servizo a 39 concellos.
Para rematar, a conselleira destacou a importancia da colaboración entre administracións, neste caso Xunta e concellos, para poder ofrecer este servizo ás mulleres e agradeceu o labor “a pleno rendemento” e o esforzo que desempeñan os seus traballadores e traballadoras, en especial, durante a pandemia.




