- Tras milenios de especulacións sobre aqueles puntos de luz móbiles que os antigos gregos chamaban πλανήτης (‘vagabundos’; en latín, planētēs), hoxe, por primeira vez na historia, coñecemos a verdadeira natureza dos astros que poboan o noso sistema solar.
- A exposición Outros mundos. Viaxe polo sistema solar da man de Michael Benson, permite realizar un percorrido científico-artístico polo sistema planetario a través de 40 fotografías de gran formato, seleccionadas e procesadas polo cineasta, artista e escritor norteamericano Michael Benson.
- Este autor escolle e trata imaxes orixinais en branco e negro captadas en distintas misións planetarias das principais axencias espaciais, como a ESA e a NASA, e compón mosaicos en cor. O resultado é unha viaxe pola incrible variedade de mundos que constitúen o sistema solar a través de fotografías de gran beleza conseguidas ao longo de seis décadas de exploración robotizada.
- Outros mundos. Viaxe polo sistema solar forma parte do programa Arte na rúa, a través do cal a Fundación ”la Caixa” quere aproximar a ciencia e a cultura ás persoas fóra do marco habitual de museos e salas de exposicións.
Outros mundos. Viaxe polo sistema solar da man de Michael Benson. Organización e produción: Fundación ”la Caixa”. Comisariado: Kike Herrero (Instituto de Estudos Espaciais de Cataluña). Datas: Do 11 de setembro ao 18 de outubro de 2024. Lugar: Avenida de Pontevedra. Ourense.
A concelleira de Educación, Xuventude, Facenda e Benestar Social do Concello de Ourense, Tamara Silva; a delegada territorial da Fundación ”la Caixa” en Galicia, Susan Santos; e a directora de Red Galicia de CaixaBank, Marta Albela, acompañados polo asesor científico Kike Herrero, inauguraron hoxe a mostra Outros mundos. Viaxe polo sistema solar da man de Michael Benson. A mostra reúne 40 imaxes de gran beleza sobre o noso sistema solar obtidas por distintas misións planetarias e que, posteriormente, foron procesadas e tratadas polo fotógrafo, artista e escritor norteamericano Michael Benson.
Entre os obxectivos prioritarios da Fundación ”la Caixa”, está o de achegar a cultura, a ciencia e o coñecemento á sociedade. A divulgación é un instrumento básico para promover o crecemento das persoas, e por este motivo ambas as dúas entidades traballan para aproximar o coñecemento a públicos de todas as idades e niveis de formación.
Co programa Arte na rúa, a Fundación ”la Caixa” pretende amosar a obra de artistas de renome no panorama internacional para converter Ourense nun museo a ceo aberto. E nesta ocasión fano mediante unha maridaxe artístico-científica. O programa Arte na rúa iniciou a súa andaina en 2006, e desde entón achegou ao público as creacións de referentes da modernidade como Auguste Rodin, Henry Moore ou o fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado, entre outros. Agora, da man de Benson, o programa integra unha nova liña centrada na ciencia e a natureza.
Apaixonado da ciencia, Benson escolle e trata imaxes orixinais en branco e negro mediante distintos filtros e combínaas para crear outras en cor, empregando ás veces ata un centenar delas, para compoñer os mosaicos sen descontinuidades que se mostran na exposición: fascinantes panorámicas que, aínda hoxe en día, se atopan máis alá da experiencia humana directa.
A profunda fascinación polo ceo nocturno ten sido recorrente na historia da civilización. Aínda así, non foi ata o lanzamento do primeiro satélite que orbitou a Terra, no ano 1957, cando a humanidade se aventurou a explorar o espazo. Nas sete décadas que pasaron desde entón, leváronse a cabo as primeiras grandes sondaxes dos mundos extraordinariamente diversos que compoñen o sistema solar, orixinándose así unha historia audaz e absolutamente transcendental. Algunhas destas achegas son as que transmiten as imaxes de Outros mundos.
Desde os inicios da exploración espacial, vimos como o noso planeta se reducía ao tamaño dunha perla, e máis tarde ás dimensións dun píxel, a raíz das viaxes que os nosos representantes robóticos teñen realizado ata lugares nunca visitados polos seres humanos. Para Outros mundos, o legado visual que deixaron estas viaxes non debe ser valorado unicamente pola súa importancia científica, senón tamén como un capítulo singular na historia da fotografía.
O resultado deste traballo confirma de forma gráfica a veracidade daquela afirmación utópica de carácter programático que fixo Konstantín Tsiolkovski, o visionario ruso dos voos espaciais, en 1912: «A Terra é o berce da humanidade, pero non se pode vivir nun berce para sempre».
Michael Benson,escritor, artista e cineasta
Michael Benson (31 de marzo de 1962) traballa na intersección entre a arte e a ciencia. Escritor, artista e cineasta, na última década organizou unha serie de exposicións a nivel internacional sobre fotografía de paisaxes planetarias. Benson toma imaxes en bruto obtidas polas misións planetarias das principais axencias espaciais, e procésaas para crear paisaxes de gran formato. Edita, compón mosaicos e, por último, optimiza estas imaxes, producindo fotografías perfectas de paisaxes actualmente máis alá da experiencia humana directa.
A súa exposición Otherworlds: Visions of our Solar System, que conta cunha composición ambiental creada especialmente por Brian Eno e titulada Deep Space, inaugurouse na Galería Jerwood do Museo de Historia Natural de Londres en xaneiro de 2016. Desde entón, exhibiuse no Museo de Historia Natural de Viena e no Museo de Queensland en Brisbane, Australia.
En España, a mostra exhibiuse en CosmoCaixa, o Museo da Ciencia da Fundación ”la Caixa” en Barcelona, no ano 2018. Agora, unha adaptación desta mostra, Outros mundos. Viaxe polo sistema solar de Michael Benson, percorre España da man da Fundación “La Caixa” e chega a Ourense, onde recalará ata o 18 de outubro de 2024.
O seu libro Cosmigraphics: Picturing Space Through Time, publicado en 2014, foi finalista do Book Award de Los Angeles Times. A súa última obra, Space Odyssey: Stanley Kubrick, Arthur C. Clarke and the Making of a Masterpiece, que examina a produción do filme 2001: Unha odisea do espazo, publicouse con motivo do 50 aniversario da película.




