Aprobou o decreto de delegación de competencias da xunta de goberno nos concelleiros do goberno municipal
O Xulgado falla a favor do Concello e confirma o proxecto de compensación para construír o parque con piscinas, zona deportiva e aparcadoiro na Ponte
Deu conta tamén da sentenza que exime o Concello de abonar 4,5 millóns de euros a ACUAES por obras na cidade
A nova xunta de goberno local do Concello de Ourense, formada por 3 edís do grupo municipal de DO e 3 do PP, celebrou esta mañá a súa primeira sesión, logo do decreto de nomeamento dos seus membros asinado o pasado venres polo alcalde, Gonzalo Jácome. A xunta local está integrada por Armando Ojea, qué é tamén o concelleiro secretario, e Telmo Ucha, de DO e por Jorge Pumar, Ana Morenza e Flora Moure, do PP, e está presidida polo alcalde. Entre os 10 asuntos tratados, está o decreto no que a xunta local delega algunhas das súas competencias nos concelleiros que integran o goberno municipal nas áreas das súas respectivas responsabilidades de goberno, en materia de exercicio de potestade sancionadora, impulso e trámite de expedientes, contratación menor ou subvencións, entre outras.
Avogacía consistorial (3). Tres sentenzas
- O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense ditou sentenza na que falla a favor do Concello e desestima o recurso interposto por unha sociedade mercantil contra o acordo da Xunta de Goberno de 24 de outubro de 2019 que aprobou definitivamente o Proxecto de Compensación do Polígono da Área de Reparto 2 da Zona 2 do Sector Urbano 32 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1986.
Trátase dunha sentenza de singular relevancia para o Concello xa que fai relación ao desenvolvemento urbanístico do “Parque Coto de Canedo”, onde o goberno municipal pretende promover a construción do maior parque da cidade, con piscinas, zonas deportivas e de lecer para todas as idades, no barrio da Ponte, nas traseiras das rúas de Julia Sarmiento, San Froilán, As Caldas, Basilio Álvarez, Victoria Kent e Xesús Pousa. A intervención abrangue unha superficie total de 20.559 m2. Ademais de zonas axardinadas, de sendeiros e de espazos de lecer tanto infantís como para adultos, as piscinas (800 m2 de lámina de auga), e o espazo deportivo (de 1.750 m2), o Parque de Canedo contará tamén cun aparcadoiro de preto de 400 prazas que dará un importante servizo ao barrio da Ponte.
Na sentenza, o xulgado desbota as pretensións da demandante, que solicitaba que dúas parcelas da súa titularidade neste polígono fosen clasificadas como solo urbano non consolidado, e non como solo urbano consolidado, que é como as clasifica o Concello de Ourense. Pedía que se excluísen do polígono e que, subsidiariamente, no caso de que non se estimasen esas pretensións se lle declarase o dereito a recibir a edificabilidade nunha zona próxima ás súas parcelas. A sentenza desestima as peticións do demandante e imponlle as costas. Contra dela pódese interpoñer recurso de apelación.
- A xunta de goberno local tamén deu conta doutra sentenza ditada polo mesmo xulgado (Contencioso-Administrativo número 2), no que desestima o recurso dun particular contra dous acordos da xunta de goberno local que aprobaron a delimitación dunha parcela na Avenida de Marín.
- Tamén coñeceu a xunta de goberno a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense na que exime o Concello de abonarlle a contía de 4.492.228 euros máis intereses á Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España S.A. (ACUAES), que esta entidade lle reclamaba polas obras de construción da estación depuradora de augas residuais de Reza e polas de abastecemento de auga a cidade.
A sentenza acolle os argumentos esgrimidos polo Concello, singularmente a inesixibilidade das facturas cuxo pagamento se lle reclamaba, sen previa modificación do convenio asinado para realizar as obras. Entende o Concello que o convenio non contemplaba a posibilidade de aumentar as achegas das partes e trasladar directamente as facturas, sen modificar previamente o mesmo, e que o que a sociedade fixo é aumentar unilateralmente a achega do Concello ata o dobre da prevista, sen que exista cláusula que o permita.
Xa que logo, o xulgado fixa que o Concello non ten que pagar a contía reclamada polas obras da EDAR de Reza, e só estima parcialmente o recurso e condena o Concello a abonar 631.543,24 euros derivados do convenio para as obras do abastecemento de auga máis os intereses, para un total de 675.139,81 euros, desestimando o recurso en todo o demais.
Licenzas (4). Concedéronse licenzas para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Reza, para as obras de reforma e división dunha vivenda na rúa do Progreso e para o proxecto de adaptación de dous locais para vivenda na rúa Ribeira de Canedo. Ademais, estimouse o recurso dun particular contra un acordo de xunta de goberno que lle concedía a unha comunidade de veciños licenza de obras para a instalación dun ascensor, xa que estas invaden -sen autorización expresa- parte da súa vivenda.
Xestión Económica e Orzamentaria (1). Aprobouse unha relación de facturas por importe de 20.060,86 € correspondentes a gastos realizados no exercicio 2020, que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nese exercicio.
Medio Ambiente (1). Rectificouse a redacción dun punto do acordo adoptado na xunta de goberno local da pasada semana, consistente na liberación de créditos de adxudicacións contratadas con baixa respecto ao orzamento de licitación.




