A Concellería de Educación do Concello de Ourense e a Asociación de Xoves Empresarios de Ourense (AJE) iniciaron esta mañá unha nova actividade: Aprendendo a emprender, dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos de Formación Profesional. Un total de 175 estudantes de 6 centros educativos participarán nesta iniciativa, que ten como obxectivos aprender a identificar e definir ideas de negocio, a materializar unha idea poñendo en marcha un plan de empresa, a traballar na formación financeira e o marketing e fomentar a comunicación oral entre o alumnado participante.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu esta mañá á primeira das 6 sesións formativas, que tivo lugar no CIFP A Farixa.




