Como consecuencia da fin do estado de alarma en España, previsto para este próximo domingo 9 de maio, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acordou xunto ao concelleiro de Persoal, Armando Ojea Bouzo, que se lle comunicase ao persoal municipal que, a partir do luns 10 de maio, queda suspendido o teletraballo no Concello de Ourense.
Con esta finalidade, o alcalde asinou un decreto que este mediodía foi enviado ás diferentes áreas do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes.
Isto non significa que se desbote o teletraballo nun futuro próximo, senón que se conxelará a activación do teletraballo até que non se implante e opere con normalidade o control horario presencial no Concello de Ourense, cuxa proba piloto xa se iniciou.
A ordenanza de teletraballo, aprobada inicialmente en Xunta de Goberno Local, continuará a súa tramitación para antes da fin de 2021, pero deberá pasar antes polo pleno, ser aprobada e, posteriormente, levada a unha exposición pública de 30 días para posibles alegacións.
Mentres tanto, todos os traballadores do Concello de Ourense, deberán traballar presencialmente. Actualmente, uns 150 funcionarios realizaban tarefas de teletraballo.
Nos próximos días, o grupo de goberno reunirase cos sindicatos para acordar a folgura nas franxas horarias diarias a cumprir en xornada laboral, que deberán sumar 37,5 horas semanais.




