Rapaces e rapazas de Ourense, entre 15 e 17 anos, gañan por vez primeira o campionato galego
Esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no salón de plenos os campións galegos da First Lego League (FLL), na súa sétima edición: o equipo de Captioma Steams, un grupo de rapaces e rapazas que contan con idades comprendidas entre os 15 e 17 anos.
A FLL é un campionato de robótica, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Scientia. Participaron nesta edición 35 equipos e máis de 250 mozos e mozas de toda Galicia.
Reivindican a practica desta disciplina fóra do ámbito universitario, entre adolescentes, como é o seu caso, na Academia Captioma. “Fomos os primeiros ourensáns en gañar a FLL, estamos moi contentos e con gañas de quedar ben na competición nacional”, manifestaba unha das mozas.
Esta competición adoita celebrarse cada ano en Ferrol, sen embargo, este ano debido as circunstancias derivadas da pandemia da COVID 19, celebrouse de xeito telemático, o pasado 29 de maio, de forma que cada equipo participaba dende a súa clase. Asistiron a Ferrol para recoller o premio, que os acredita como vencedores.
Agora o equipo ourensán de Captioma participará na final da FLL Challenge, que se celebrará en Santa Cruz de Tenerife, esta fin de semana, 26 e 27 de xuño, que reunirá máis de 600 estudantes e 51 equipos de toda España. Neste caso a participación no evento terá un carácter híbrido o que permitirá que uns mozos poidan asistir de forma presencial, como é o caso deste grupo de ourensáns, e outros farano de telemáticamente.
O desafío deste ano, chamado RePLAY, reta os equipos a redefinir e revolucionar a forma de xogar, facer deporte e moverse a través da ciencia e a tecnoloxía. Deberán crear un robot capaz de resolver misións nunha mesa de competición y obter máis puntuación que o resto de equipos.




