O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá a directiva do club Codigalco Carmelitas, que busca o apoio das institucións para solicitar praza na LF2 ou, no seu caso, crear un proxecto sólido na 1ª División Nacional para acadar o ascenso de categoría e poder seguir sendo a referencia do baloncesto feminino na nosa cidade.
Os directivos Luis Valle e Julio Feijóo, acompañados do adestrador Juan Antonio Rodríguez, tiveron a oportunidade de comentarlle ao rexedor a situación na que se atopa o equipo colexial logo da creación, por parte da Federación Española de Baloncesto, dunha categoría intermedia entre a LF1 e a LF2 -a Challenger-. Ourense quedaría así coma a única capital de provincia galega que non conta con equipo profesional feminino, mentres que outras cidades como Vigo, Santiago, Ferrol ou Vilagarcía poden ofrecerlle ás categorías de base a posibilidade da promoción deportiva.
Pérez Jácome manifestou, pola súa banda, toda a disposición do Concello a colaborar co proxecto deportivo e acompañar na medida do posible as pretensións do club.




