O Concello ten previsto licitar nos próximos meses os traballos de reforma, de modo que complementen e sirvan coma un atractivo engadido para o tradicional mercado municipal.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Ourense. Na reunión, o alcalde escoitou as inquedanzas que ten o colectivo respecto da reforma da praza de Abastos núm. 1 e, en particular, respecto ao proxecto de reforma da segunda fase, que inclúe a reforma do soto -onde se prevé unha piscina termal- e da súa contorna.
Nesta reunión acordouse remitirlle á Asociación o proxecto de reforma da segunda fase da Praza de Abastos, para que poidan coñecelo con maior detalle e, se o consideran, facerlles achegas de mellora ao mesmo.
Este proxecto foi encargado polo goberno municipal ao equipo de arquitectos responsable da reforma, onde se concretan as intervencións que se realizarán na segunda fase. O Concello ten previsto licitar nos próximos meses os traballos de reforma, de modo que complementen e sirvan coma un atractivo engadido para o tradicional mercado municipal. O investimento será duns 3 millóns de euros.




