HomeOurenseO Concello abre a convocatoria para incorporar 20 científicos ao Centro de...

O Concello abre a convocatoria para incorporar 20 científicos ao Centro de Intelixencia Artificial

- Anuncio -spot_img

As persoas interesadas consultar as bases na web e na sede electrónica do Concello e presentar as súas solicitudes até o día 9 de abril

O Concello de Ourense incorporará 20 científicos ao Centro de Intelixencia Artificial, e abre a convocatoria para que as persoas interesadas poidan optar a estas prazas: 17 para enxeñeiros senior de datos e software, e 3 para técnicos de software e de sistemas. “O futuro en Ourense comeza hoxe”, afirma o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen se felicita por que se estean dando pasos para que medre “o embrión do Centro de Intelixencia Artificial”.

Esta convocatoria redundará nun pulo “aos traballos científicos e de investigación na nosa cidade”, en palabras de Pérez Jácome.

As persoas interesadas en incorporarse ao proxecto poderán presentar as súas solicitudes desde hoxe, venres, até o día 9 de abril. O Concello elaborará unha listaxe de persoas interesadas en incorporarse ao centro como funcionarios interinos para desempeñar estes postos. As bases e a convocatoria están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ourense, e na páxina web do Concello.

Requisitos. Tal e como se concreta nas bases da convocatoria, para optar as prazas de enxeñeiro senior de datos é preciso estar en posesión do título de Grao en Enxeñería Informática, Enxeñería Industrial, Enxeñería de Telecomunicacións, Física, Matemáticas, Matemáticas e Informática, Enxeñería do Software, Enxeñería de Computadores, Sistemas de Información, Tecnoloxías para a Sociedade da Información, Estatística e Enxeñería Informática ou calquera outra titulación de grao que, atendendo ao seu contido curricular, permita acreditar coñecementos técnicos suficientes para a realización das funcións do posto.

Para as de técnicos de software, deben estar en posesión do título de formación profesional de grao medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, ou Técnico en Explotación de Sistemas Informáticos, ou equivalente

Publicacións Relacionadas