HomeOurenseOurenseO Concello abre o prazo para presentar traballos aos premios de poesía...

O Concello abre o prazo para presentar traballos aos premios de poesía e de creación literaria

- Anuncio -spot_img

O Cidade de Ourense e o Risco contan cunha dotación de 6.000 euros máis a publicación da obra

O Concello de Ourense abriu o prazo para presentar traballos para os premios Risco de Creación Literaria e Poesía Cidade de Ourense, na súa edición de 2021. Até o día 4 de xuño ás 14:00 horas, as persoas interesadas poderán achegar as súas obras, a través do Rexistro Xeral do Concello, e optar aos premios. Ambos están dotados con 6.000 euros e a publicación do traballo gañador. As bases dos dous certames pódense consultar na páxina web do Concello www.ourense.gal

O premio de poesía Cidade de Ourense chega á súa edición número 37. Poderanse presentar obras en galego ou portugués escritas por persoas que non gañasen o premio nas 5 edicións anteriores. Deberán ser textos orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos e presentaranse baixo un lema. Autores e autoras que concorran desde Portugal poderán presentalos na Cámara Municipal de Vila Real.

Pola súa banda, á edición número 22 do Premio Risco de Creación Literaria do xénero narrativo, que convocan o Concello e a Fundación Vicente Risco, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, excluíndo teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. Poderán presentarse textos escritos en lingua galega, cunha extensión de entre 150 e 300 folios.

Os xurados dos dous certames serán nomeados pola Concellería de Cultura, e contarán coa participación da persoa gañadora do ano anterior e un representante da Corporación. A súa decisión será inapelable e terá lugar no mes de setembro.

Publicacións Relacionadas