O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que se publicarán na web do Concello as compras que impliquen contratos menores e o borrador dos pregos para que poidan ser mellorados polos profesionais do sector
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou esta mañá en rolda de prensa que, na procura da eficiencia no emprego dos recursos públicos, tomará unha serie de medidas para aforrarlle “custes inflados’ ás arcas municipais e para mellorar a “relación prezo – fiabilidade” nos servizos que se lle contratan ás empresas privadas.
O rexedor dixo que a primeira das medidas será a de acurtar as concesións “para que as empresas non se durman nos loureiros”. Isto obrigaría, dixo, un traballo máis continuado de renovación das concesións, pero evitaría que empresas externas fagan as veces de “intermediarias e de banco”.
Na opinión de Pérez Jácome, “o ideal sería remunicipalizar os servizos”. Porén, é máis partidario de fomentar os contratos menores, “máis operativos sempre que se axusten aos prezos de mercado”.
Para acadar estes obxectivos, o alcalde anunciou que creará un equipo de persoal eventual que se dedique a comparar prezos de mercado e, por outra banda, que se publicarán as compras que vaia efectuar o Concello de Ourense na páxina web co obxectivo de que os provedores poidan presentar a mellor oferta. Igualmente, tamén engadiría o borrador dos pregos administrativos co gallo de que os profesionais poidan facerlles achegas para melloralos.




