HomeOurenseO Concello aproba 11 subvencións a proxectos de rehabilitación de vivendas no...

O Concello aproba 11 subvencións a proxectos de rehabilitación de vivendas no centro histórico por importe de 111.000 euros

- Anuncio -spot_img

A xunta de goberno local abordou medio cento de asuntos presentados polas diferentes áreas municipais

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou, na xuntanza celebrada esta mañá, unha nova remesa de subvencións, por importe de 111.243,54 euros, a 9 proxectos de rehabilitación incluídos na fase 16 da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRU) do centro histórico de Ourense. As axudas únense ás 23 subvencións concedidas a outros tantos proxectos de rehabilitación nas ARRU da cidade aprobadas na xunta de goberno do pasado 31 de marzo por un importe de case 200.000 euros.

A xunta de goberno deu conta, en total, de 47 asuntos achegados por diferentes áreas e departamentos municipais.

Avogacía consistorial (7). Cinco sentenzas e dous comparecencias.

Sentenzas: A xunta de goberno local tomou coñecemento dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, que estima o recurso de varios propietarios en relación co acordo da xunta de goberno local de 5 de decembro de 2019 sobre o edificio construído na rúa do Bierzo, número 1. De acordo con esta sentenza, de idéntico signo á ditada no mes de marzo no recurso presentado por outros particulares, o Concello terá que incoar un novo expediente de reposición de legalidade urbanística, logo de que caducase o anterior. Pola súa banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou un recurso do Concello no procedemento de medidas cautelares en relación a este asunto, aínda que esta resolución non ten transcendencia xurídica xa que xa se resolveu o procedemento principal.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima un recurso de apelación interposto por un particular contra a declaración, por parte do Concello, da caducidade dun expediente de disciplina urbanística por reposición da legalidade dunhas obras en Regoufe-Velle. O alto tribunal galego entende que caducidade non é prescrición, polo que o Concello deberá retomar o expediente.

Outra sentenza, desta vez do Xulgado do Social, non aprecia fraude de lei na contratación dun asesor político por parte do Concello de Ourense, xa que foi acreditado coas funcións propias dos asesores e auxiliares políticos.

O Contencioso-administrativo desestima un recurso interposto en relación ao Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ao non acreditar o demandante a diminución do valor do chan.

Comparecencias: o Concello foi emprazado para comparecer, en calidade de demandado, en senllos recursos contra a Oferta Pública de Emprego do ano 2020, publicada no BOP 192 de 22 de agosto de 2020, interpostos polos sindicatos CIG e CSIF.

Licenzas (6). Concedéronse licenzas para un proxecto básico de vivenda unifamiliar en Vilar de Astrés; para a rehabilitación dunha planta baixa na rúa Hernán Cortés; para a segregación dun local en tres na Av. Da Universidade; para a adaptación de dous locais en dúas vivendas na rúa Ribeira de Canedo; e para a instalación de ascensores en senllos edificios da cidade, na rúa de San Paio e na Av. de Portugal.

Aperturas (3). Concedéronse licenzas para a legalización dunha estación base de telefonía móbil na rúa Río Salas; para a reforma de local para laboratorio no Complexo Hospitalario de Ourense; e para o proxecto de acondicionamento de local para venda e reparación de impresoras na rúa de Rodríguez de la Passera.

Planeamento urbanístico (1). Apróbase un gasto en favor do xulgado do contencioso-administrativo de Ourense, por valor de 2.534,60 euros, en concepto de indemnización por responsabilidade patrimonial.

Patrimonio (18). O Concello reclamará danos por valor de 7,148,95 euros polos danos causados en mobiliario urbano en 10 diferentes puntos da cidade.

Por outra banda, estímase a reclamación polos danos ocasionados nun vehículo, valorados en 1.435 euros, pola caída dun bote de pintura cando os operarios municipais pintaban mobiliario público na praza de Eirasvedras.

Desestímanse as reclamacións de responsabilidade patrimonial polas lesións e danos sufridos como consecuencia dunha caída na praza do Correxidor; por unha caída nun paso peonil na rúa río Mao; polos danos ocasionados nun vehículo a causa dunha focha na rúa Escultor Faílde; e polos danos ocasionados nun vehículo pola poda dunha árbore na rúa Irmáns Vilar Ponte. En ningún dos casos anteriores concorren os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización.

Ademais, desestímanse as solicitudes para recuperar un camiño público na Lonia; a titularidade dun terreo no núcleo de Canivelos; e a titularidade dun camiño na rúa da Fonte, no Peliquín. Nos tres casos, por non ser os terreos de titularidade municipal.

VPP e Peris (10). A xunta deu luz verde para a concesión de 111.243,54 euros a 9 proxectos de rehabilitación incluídos na fase 16 do ARRU do centro histórico de Ourense.

Estas axudas únense ás 23 subvencións concedidas a proxectos de rehabilitación de edificios e vivenda no ARRU do Polvorín na xunta de goberno do pasado 31 de marzo por un importe de case 200.000 euros.

Ademais, dáse conta da rectificación dun erro na redacción da concesión dunha destas axudas.

Xestión económica e orzamentaria (2). Aprobáronse dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos: facturas correspondentes a gastos realizados no exercicio 2020 e que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nese exercicio. O primeiro por valor de 22.298,80 euros, e o segundo por valor de 30.513,55 euros.

Publicacións Relacionadas