A xunta celebrada esta mañá deu conta de 16 asuntos na orde do día
A xunta de goberno local do Concello de Ourense, celebrada esta mañá, concedeulle á Xunta de Galicia licenza para o proxecto básico e de execución da restauración da sancristía maior da Catedral de Ourense. Redactado polo arquitecto Manuel Seoane Feijoo, quen asume a dirección das obras xunto coa arquitecta Sonia López Calvo, terá un orzamento de execución material de 49.980 euros, e conta cos informes favorables do arquitecto e do arqueólogo municipal, da dirección xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Na reunión da xunta de goberno déronse conta un total de 16 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.
Licenzas (4). Ademais da licenza para obrar na Catedral, concedeuse outra para instalar un ascensor nun edificio de oficinas na rúa Cardenal Quevedo. Declárase por outra banda que non é necesaria licenza para segregar unha vivenda e dáse por comunicada unha renuncia dun particular para a levantar un edificio de vivendas na rúa Nicomedes Pastor Díaz.
Aperturas (1). Concédese licenza de obra e apertura de apartamentos turísticos na rúa Doutor Fléming 27.
Xestión Urbanística (1). Apróbase o proxecto de urbanización do polígono en que o Concello impulsa o parque de Canedo, emprazado entre as traseiras da Avenida das Caldas, a rúa Basilio Álvarez e a Verea Vella, por pedimento da Xunta de Compensación.
Patrimonio (4). Desestímase unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos ocasionados nun vehículo polo bolardo da rúa Pena Corneira, ao non concorrer os requisitos legais que xustifiquen o dereito a unha indemnización. Por outra banda, o Concello decide non exercitar accións legais para solicitar unha indemnización polos danos ocasionados en mobiliario público ao estar prescrito o prazo para solicitalo.
Ademais, corríxese a redacción dunha reclamación por danos en catro colectores de lixo na rúa Sáenz Díez (polos que o Concello pide a suma de 4.040 euros), e suspéndese a tramitación dun expediente de reclamación presentado por unha particular en relación a filtracións de auga en garaxes dun edificio da Avda. de Marín até que o Concello remate as obras que se están a executar e poida determinarse se existe responsabilidade da Administración.
Contratación (1). Dáse conta dunha rectificación de erros nun punto da orde do día da xunta de goberno do 25/3/2021 relativo á indemnización do servizo da ORA pola pandemia.
Infraestruturas (1). Decláranse bens non utilizables 114 elementos de explotación publicitaria do mobiliario urbano: 39 MUPIS; 32 illas ecolóxicas -elemento publicitario asociado a localizacións de contedores de recollida de lixo; 20 MUPIS con depósito para pilas; 10 bandeirolas dobres; e 13 MUPIS asociados a marquesiñas. Daráselle traslado do acordo á Sección de Patrimonio Municipal para que reflicta no Inventario xeral a alteración que afecta aos bens descritos, e procederase á súa retirada da vía pública.
Servizos Xerais (1). Recoñecemento do gasto correspondente ao alugueiro de seis meses do local destinado ás agrupacións sindicais do Concello de Ourense, por valor de 3.345,24 euros, IVE engadido.
Educación (1). Rectificouse un erro na redacción do contrato de limpeza para os centros educativos públicos de Educación Infantil e Primaria.
Alcaldía (2). Por unha banda, noméanse os representantes do Concello de Ourense na Fundación Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense). Ademais do alcalde, estará integrado polos concelleiros Telmo Ucha e Armando Ojea. Este último será, ademais, integrante do Comité executivo.
Por outra banda, apróbase a modificación do acordo de delegación de competencias da Xunta de Goberno Local de data 11 de marzo de 2021, que queda así: “A resolución dos expedientes de concesión de subvencións, premios e bolsas, en relación coa área ou servizo que se lle atribúa. Quedan exceptuadas as subvencións para a rehabilitación de vivendas nos ARRU declarados no temo municipal de Ourense, respecto das cales, a competencia permanecerá na Xunta de Goberno Local”.




