A xunta de goberno concede licenza ao proxecto de iniciativa privada para construír 209 vivendas na Asunción, cun orzamento de 18 millóns
O Concello de Ourense daralle continuidade este ano aos programas de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas nas 4 áreas de rexeneración e renovación urbana da cidade (ARRUs). A xunta de goberno local aprobou esta mañá os expedientes destas convocatorias, para as que proximamente se abrirá o prazo de presentación de solicitudes para estas axudas, que poderán chegar desde o 40% até o 85% do orzamento do investimentos que se realice. Na mesma sesión, a xunta local concedeu licenza para o proxecto de construción de 209 vivendas na zona da Asunción, de iniciativa privada, cun investimento de máis de 18 millóns de euros
A xunta local abordou na súa sesión de hoxe un total de 20 asuntos
Servizo de rehabilitación, vivenda pública e PERIs (2)
A xunta de goberno aprobou dous expedientes para darlle continuidade aos programas de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas 4 áreas de rexeneración e renovación urbanas (ARRU) do Concello de Ourense: O Polvorín, As Camelias, A Carballeira; San Mamede, Cruceiro Quebrado e a Inmaculada, Centro histórico e Seixalbo, que desenvolve o Concello en colaboración co Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia.
Nos dous casos, os extractos das convocatorias publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e abrirase o prazo para solicitar as axudas.
As axudas poden chegar desde o 40% até o 85% do orzamento subvencionable: O 40% é a porcentaxe de subvención con carácter xenérico, que se pode elevar un 10% máis se a persoa demandante é residente na vivenda que rehabilita. A axuda pode chegar até o 85% tendo en conta factores como os ingresos da persoa solicitante, ou o tipo de obra, se se trata de mellora de accesibilidade para persoas maiores de 65 anos.
As subvencións darán apoio a proxectos de rehabilitación de elementos comúns de edificios de uso residencial, elementos privativos de edificios (interiores das vivendas) ou de edificios dunha soa vivenda, tanto a traballos de mantemento, como de conservación, seguridade, accesibilidade, mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade, etc.
As persoas interesadas neste programa poden contactar co Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIS do Concello de Ourense, na rúa Primavera, nº 1, teléfono: 988 366 235.
Licenzas (6). Concedeuse licenza urbanística de obra para edificar no Polígono da Zona 4 do SU 25, na zona da Asunción, un proxecto de iniciativa privada que prevé 209 vivendas, incluíndo catro plantas no subsolo, e que conta cun orzamento de execución material de 18.337.670,65 euros.
Tamén para a construción dun novo edificio de vivendas entre as rúas Avenida de Bos Aires e Catro Camiños, e que contará con 11 vivendas repartidas en 6 alturas, planta soto e garaxes. Este proxecto ten un orzamento de 950.000€. Concedéronse licenzas, igualmente, para a reforma dunha vivenda na rúa Ribeira de Canedo e para a instalación dun ascensor nun edificio da rúa Padre Feijóo. Finalmente, aprobouse avogar competencias na xunta de goberno e denegouse unha licenza para construír un edificio na Área de Reparto AR_ 31.
Contratación (3). Apróbase o expediente para contratar o servizo de tratamento e eliminación de mobles, equipos e outros residuos urbanos voluminosos do Concello de Ourense para 2021, 2022 e 2023 co seguinte reparto anual: 49.999,99 euros en 2021; 119.999,99 euros en 2022 e 70.000 euros en 2023.
Apróbase tamén a prórroga -por un ano- para o servizo de recollida, transporte e eliminación de ‘sandach’ no centro de recollida de animais abandonados de Ourense. Destinarase para este motivo unha partida de 3.187,80 euros (IVE incluído).
Por outra parte, anúlase o procedemento de licitación do servizo de teleasistencia domiciliaria do Concello de Ourense ao estimarse, no Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia, un recurso presentado pola Asociación de Empresas de Servizos para a Dependencia (AESTES). Así, anúlase o prego de cláusulas administrativas e o prego de prescricións técnicas do servizo de teleasistencia do Concello de Ourense, aprobados por Acordo de Xunta de Goberno local de 11 de marzo de 2021, e déixase sen efecto o procedemento de licitación aberto polo indicado acordo -que inclúe unha aprobación do gasto por importe de 81.666,67 euros-.
Servizos Xerais (1). Modifícanse os distritos 3 e 4 do censo electoral, de modo que se incorporan a este último as seguintes rúas: praza do Sagrado Corazón; rúa Rampla Riestra; rúa Vázquez de Mella; avenida de Portugal -números pares do 170 ao 186-; rúa Marcelo Macías -pares do 38 ao 54-, rúa Vázquez Núñez -pares do 2 ao 18-; e rúa Nicomedes Pastor Díaz -impares do 1 ao 5-.
Xestión Económica e orzamentaria (1). Apróbase o oitavo expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por facturas recibidas fóra de prazo. A suma total destas facturas ascende a 21.573,24 euros.
Avogacía Consistorial (6). A xunta de goberno coñeceu seis sentenzas ditadas polo Xulgado do Contencioso – Administrativo de Ourense:
Desestímase unha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por furto nun cemiterio municipal con perdas materiais valoradas en 538,90 euros.
Estímase unha reclamación da AVV As Laxas á que o Concello lle denegara unha subvención para a celebración das festas do San Brais de 2019 por considerar que non se axustaba aos obxectivos da convocatoria. A sentenza, recoñecendo que o caso presenta serias dúbidas de feito e de Dereito, dispón que o recurso debe ser estimado, entendendo que a resolución debeu motivarse durante a tramitación do procedemento e non na resolución do recurso de reposición. A sentenza estima o recurso da asociación e dispón que o Concello emita unha nova resolución coa valoración de puntuación que lle corresponda de conformidade coas bases da convocatoria.
Outra sentenza desestima un recurso contra unha serie de liquidacións do Imposto de Bens e Inmobles, xa que entende que non se acreditou ningún erro material no seu cobro. Tamén se desestimou un recurso presentado polas liquidacións do IBI de 2014 a 2019, que o xulgado considera axustadas a dereito mentres non sexan corrixidas ou anuladas por acordos catastrais.
Idéntico resultado para unha reclamación contra o Órgano de Xestión Tributaria do Concello de Ourense polo Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, desestimada ao entender o xulgado que non se acredita a diminución do valor do chan.
A última das sentenzas estima a solicitude de prescrición das débedas contraídas por un particular Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica por valor de 2.228,95 euros.




