HomeOurenseOurenseO Concello cambiará o modelo de Universidade Popular para o vindeiro curso,...

O Concello cambiará o modelo de Universidade Popular para o vindeiro curso, o de 2022

- Anuncio -spot_img

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valora dúas posibilidades: que a Deputación se faga cargo do seu desenvolvemento ou cambiarlle o nome a este programa formativo

“A UP realiza funcións impropias dun concello”, afirma o rexedor, “a proba é que das sete grandes cidades, a de Ourense é a única que oferta esta formación”

O Concello de Ourense acometerá cambios no seu modelo de Universidade Popular (UP), un programa dependente da Concellería de Educación, de cara ao curso 2022 -os cursos adoptan o nome do ano natural-. Así o manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen valora dúas posibilidades: a primeira, que a Deputación provincial se faga cargo do seu desenvolvemento; a segunda, cambiarlle a denominación a este programa formativo, que deixaría de chamarse ‘universidade’.

Na última reunión entre o rexedor e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, abordouse a posibilidade do traslado de competencias, pero tamén de instalacións -a Escola de Artes e Oficios podería acabar no edificio que actualmente ocupa a UP-. É por iso que o alcalde confía en que a entidade provincial poida facerse cargo do programa, tal e como fixera no seu día co Festival de Cine Internacional (OUFF).

De non ser así, recoñece Pérez Jácome, habería que facer “un cambio para facela máis popular, malia que semelle un paradoxo”, e desenvolver obradoiros municipais baixo a supervisión da Concellería de Educación. Un movemento anticipado polo desligamento da Federación Española de Universidades Populares (FEUP).

“O actual modelo responde a cursos impartidos por persoas autónomas”, di o rexedor, “non se lle pode chamar universidade”. Ademais, engade, a UP realiza funcións impropias dun concello. “A proba”, afirma, “é que das sete grandes cidades, a de Ourense é a única que oferta esta formación”.

Actualmente, a UP desenvolve 140 cursos dos que participan preto de 3.000 alumnos. A súa oferta estrutúrase en torno a 5 eixos: idiomas, novas tecnoloxías, corpo e saúde, cultura e coñecemento e intervención social.

Publicacións Relacionadas