Aproba novas axudas para a rehabilitación de edificios nas zonas ARRU, por importe de máis de 63.000 euros
A xunta de goberno local do Concello acordou na súa xuntanza desta mañá concederlle licenza de obra á Diócese de Ourense para executar o proxecto de restauración da reixa e púlpitos do altar maior da catedral, que suporán un investimento de 270.000 euros. Na mesma sesión, aprobou novas axudas para a rehabilitación de edificios nas áreas de rehabilitación urbana (ARRU) da cidade, por un importe de máis de 63.000 euros. Na xuntanza celebrada esta mañá no salón de plenos, abordáronse un total de 36 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais
Avogacía consistorial (16). 10 sentenzas, tres autos e tres comparecencias.
Sentenzas. O Contencioso Administrativo 2 de Ourense estima parcialmente o recurso dun particular que protestaba contra a redución de veladores (de 20 a 14) nun establecemento da praza de San Antonio. O Concello deberá valorar de novo o caso aplicando a normativa vixente na actualidade, sen prexuízo de que se lle poidan devolver ou non os 6 veladores que reclama.
O Contencioso Administrativo 1 estima parcialmente unha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por unha particular polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na rúa Curros Enríquez polo mal estado da beirarrúa. Reclamaba 15.318,96 euros e o xulgado concédelle 8.000.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denégalle a licenza de obra a un particular que reclamara en todas as instancias até o Tribunal Supremo. Este devolveulle o caso ao TSXG cunha serie de pautas e, en función das mesmas, chega á conclusión de que estaba ben denegada polo Concello.
A xunta de goberno coñeceu, igualmente, dúas sentenzas relacionadas coa obriga de demolición parcial do edificio da Avda. de Pontevedra 13. A primeira, do TSXG, desestima a reclamación pola liquidación provisional das obras de demolición ordenadas polo Concello. Os propietarios non presentaron proxecto de demolición, ao que estaban obrigados por unha sentenza. Os propietarios recorreron contra esa liquidación, pero o TSXG desestima a reclamación.
A segunda das sentenzas relacionadas con este edificio dálle tamén a razón ao Concello e desestima a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada polos propietarios polos danos e prexuízos ocasionados pola orde de demolición. A reclamación, di o Contencioso, presentouse fóra de prazo.
Tamén se coñeceu unha sentenza do alto tribunal galego relacionada co derrubo dunha casa na Aira (Reza), e que confirma a decisión do Concello: a edificación non se acomodaba a licenza de obra.
Outra das sentenzas, tamén do TSXG, desestima a reclamación presentada por uns particulares sobre a execución de sentenza nun procedemento relacionado sobre a liquidación das cargas de urbanización.
Tamén foi desestimada, neste caso polo Contencioso Administrativo, unha reclamación polo Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, xa que non se acreditaba a diminución do valor do chan.
A mesma sala obriga ao Concello a resolver un expediente urbanístico que non fora informado no prazo dun ano, así como a valorar a incoación dun expediente disciplinario á persoa responsable do expediente.
A última das sentenzas desestima o recurso dunha particular que lle reclamaba ao Concello que, en virtude do convenio entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense de 11-06-1998, a entidade académica se fixese cargo dos gastos de urbanización da parcela anexa ao campus.
Autos. Os dous primeiros autos desestiman senllas denuncias presentadas contra un e dous policías locais, respectivamente, e ordenan o seu sobresemento. O terceiro denega a suspensión cautelar solicitada por unha particular para a demolición dun peche e a cubrición parcial dun patio interior nun edificio da rúa Coruña.
Comparecencias. O Concello de Ourense deberá comparecer, en calidade de demandado en senllos procedementos interpostos por particulares contra as decisións do Tribunal Económico Administrativo polo Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana. Os demandantes solicitan 3.478,17 euros e 3.453,65 euros respectivamente.
Ademais, o Concello foi emprazado a comparecer como demandado nun procedemento interposto contra o nomeamento do director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial.
Licenzas (8). A xunta de goberno concedeu licenzas para o proxecto de execución e rehabilitación dun edificio de vivendas na rúa lamas Carvajal; para a reforma dunha edificación na rúa do Lagar; para a construción de vivenda unifamiliar na urbanización do Pazo de Ramirás, e para o rebaixe de banzo de acceso a un local na rúa do Paseo.
Tamén se lle concedeu licenza á Diócese de Ourense para a restauración da reixa e do púlpito do altar maior da Catedral de Ourense, un proxecto que conta con 271.869,41 euros de orzamento de execución. Ademais, concedéuselle unha prórroga de seis meses ao centro médico El Carmen para a instalación dun ascensor.
Por outra banda, declarouse innecesaria a licenza para segregar unha finca na rúa Laza e denegouse unha licenza para construír vivendas dobres na rúa Xoán Vicente Viqueira.
Patrimonio (4). Corríxese un acordo de xunta de goberno local de xaneiro de 2019 e desestímase unha reclamación de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na rúa Nosa Señora da Saínza. Tamén se desestima unha reclamación presentada polos danos persoais e materiais -nunha motocicleta- provocados por unha substancia escorregadiza na rúa Ponte Codesal. A xunta de goberno desestima tamén unha reclamación polos danos dun local da Avda. de Santiago como consecuencia dunha inundación.
Por outra banda, apróbase e disponse un gasto de 2.200 euros para dúas persoas en concepto de indemnización polo desaloxo dun local de planta baixa na rúa Villar -mensualidades de outubro a decembro de 2020-.
Rehabilitación, VPP e PERIs (4). Concédense axudas por un importe total de 63.678,49 euros, a diferentes comunidades de propietarios dentro do programa de rehabilitación e rexeneración urbana (ARRUs): 26.422,66 euros para a instalación dun ascensor nun edificio da rúa Antonio Jaunsarás e 30.037,14 euros para idéntico proxecto nun edificio da Avda. de Portugal, así como 7.218,69 euros para a rehabilitación dunha vivenda na rúa Filomena Dato, dentro da ARRU Polvorín – Camelias – Carballeira.
Por outra banda, declárase desistida a solicitude dunha comunidade de propietarios para a rehabilitación da cuberta do edificio emprazado na rúa Serra de Larouco 1, no ARRU San Mamede – Cruceiro Quebrado – A Inmaculada, ao non presentar a documentación requirida desde o Concello de Ourense.
Contratación (2). Acordouse a prórroga de dous contratos: o do servizo de mantemento e soporte técnico da plataforma de licitación electrónica Vortal -a segunda prórroga, polo prazo dun ano e por importe de 17.908 euros-; e do servizo de elaboración de menús para ceas do Albergue de Transeúntes -tamén por un ano, en favor da Asociación Aixiña, e por importe de 40.953 euros, resultando un prezo de 5,61 euros por menú-.
Infraestruturas (1). Apróbase e disponse un gasto de 675,20 euros en favor de Augas de Galicia en concepto de liquidación do canon.
Servizos xerais (1). Modifícase o seccionado do Distrito 1 do censo electoral, de xeito que se engade unha mazá do sector 2 conformado polas seguintes rúas: os números pares da rúa Alejandro Outeiriño Rodríguez; os impares, do 1 ao 3, da rúa do Paseo; os pares da rúa Cruz Vermella; a praza da Fonte do Rei; e os números pares -do 32 ao 34b- da rúa do Progreso.




