HomeOurenseOurenseO Concello lémbralles ás persoas titulares de predios a obriga de xestionar...

O Concello lémbralles ás persoas titulares de predios a obriga de xestionar a biomasa antes do día 31 de maio

- Anuncio -spot_img

A normativa establece sancións por incumprimentos de até 1.000 euros, as leves, e de até 100.000 euros, as graves

Ante a proximidade do verán, e coa finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Ourense lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF). O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con esta obriga rematará o día 31 de maio de 2021.

Transcorridos os prazos sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria sen prexuízo da repercusión dos custos. As sancións por incumprir a Lei van até os 1.000 euros se a infracción é leve, ou até os 100.000 se é grave.

A principal novidade desta temporada é que, en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a SEAGA, a Administración Autonómica realizará estes traballos en parcelas situadas en 6 parroquias do termo municipal que se cualifican de prioritarias, sempre que os titulares llo soliciten. Trátase das parroquias de Ourense (arredor do núcleo urbano), Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Palmés e Velle, zonas que se priorizan polo número de incendios e hectáreas afectadas nos últimos anos. O servizo é voluntario para as persoas responsables de xestionar a biomasa e efectuarase a través dos concellos. As persoas interesadas deberán aboar unha tarifa de 350 euros por hectárea e anualidade. Por exemplo: o custo dunha actuación nunha parcela de 1.000 m2 sería de 35 euros.

As faixas secundarias e parroquias priorizadas pódense consultar desde hoxe na páxina web do Concello.

Listado: Listado das referencias catastrais das faixas secundarias do Concello de Ourense – Concello de Ourense
Máis información, na Concellería de Medio Ambiente, na Praza de San Martiño núm. 2, terceiro andar, teléfono 988 388 135.

Normativa de prevención de incendios

A normativa establece unhas condicións de prevención específicas para as denominadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, cuxa función prioritaria é a protección dos núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais.

A lei obriga as persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal:

nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable,

arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte, e

arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, coma o eucalipto, a acacia ou diferentes variedades de pino, entre outras.

En caso de incumprimento, o Concello pode proceder á execución subsidiaria e repercutir os custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas.

Publicacións Relacionadas