HomeOurenseO Concello licita os traballos de control da vexetación e a roza...

O Concello licita os traballos de control da vexetación e a roza dos espazos públicos da cidade entre centros especiais de emprego de iniciativa social

- Anuncio -spot_img

A xunta de goberno local aprobou a contratación do servizo, para o que conta cunha partida orzamentaria de 53.833,25 euros para as vindeiras dúas anualidades

Aprobáronse un total de 22 asuntos na sesión desta mañá, entre os que tamén está a rebaixa do imposto sobre vehículos de tracción mecánica

O Concello de Ourense licita os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos da cidade, unhas actuacións moi demandadas e necesarias para velar polo mellor estado dos espazos públicos. O contrato estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción nos termos previstos na disposición adicional cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e contará cunha partida orzamentaria de 53.833,25 euros para as vindeiras dúas anualidades.

Até o de agora, estes traballos realizábanse a través brigadas municipais co reforzo de empresas do sector. Agora o Concello opta por licitar o servizo a través dun contrato pioneiro, reservado a centros especiais de emprego e de iniciativa social para empresas de inserción. O contrato abrangue unha superficie total de actuación de 267.000 m2, entre os que salientan as pola súa dimensión as ribeiras dos ríos Miño, Barbaña e Barbañica.

A empresa adxudicataria dos traballos actuará baixo demanda, nos espazos nos que desde o servizo de Medio Ambiente se detecte a necesidade de intervir. A presenza de vexetación de crecemento espontáneo sen control aumenta o risco de posibles focos de incendio, ten efectos prexudiciais sobre camiños, sendas e zonas verdes.

Ademais deste, a xunta de goberno local deu conta doutros 21 asuntos achegados por diferentes servizos e áreas municipais.

Avogacía Consistorial (13). Dúas sentenzas e 11 comparecencias.
A primeira das sentenzas, ditada polo TSXG no recurso de apelación promovido por Allianz e Maquinor, dálle a razón ao Concello e confirma que debe ser indemnizado con 14.446,24 euros polos danos ocasionados nun fito de pedra no Xardín do Posío. Porén, o alto tribunal recoñece en parte o recurso dos apelantes no único senso de que o contencioso-administrativo non posúe a xurisdición para recoñecer a petición.

A segunda, do Contencioso Administrativo, desestima o recurso interposto por unha particular contra a desestimación da súa reclamación de 8.262 euros en concepto de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas por mor dunha caída na praza de San Antonio.

En canto ás comparecencias, seis son motivadas por reclamacións contra o Tribunal Económico-Administrativo do Concello pola liquidación do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana.

En calidade de demandado, acudirá para comparecer nun recurso no que se lle reclaman diferentes dereitos laborais -o dereito a xornada anual ordinaria que cumpra coa máxima legal de 1.642 horas, así coma o abono dos atrasos xerados polo exceso de xornada desenvolvida nos anos 2015 a 2018-. Tamén nun procedemento contra a inadmisión dun recurso contra unha sanción de tráfico ‘moi grave’ (500 euros e 6 puntos) por condución temeraria. Igualmente, deberá presentarse nun procedemento interposto contra a imposición dunha sanción de 200 euros a un peón por non respectar un semáforo en vermello.

En calidade de codemandado, deberá presentarse ante o TSXG nun procedemento interposto por ADIF Alta Velocidad contra o acordo do Xurado de Expropiación de Galicia na Fase 1 do Proxecto Integrador da Nova Estación Intermodal de Ourense.
O Concello tamén acudirá, como prexudicado, para achegar a valoración dos danos materiais provocados por un sinistro de tráfico con alcoholemia positiva na Avenida de Otero Pedrayo.

Licenzas (2). Concedéronse licenzas para a construción dunha vivenda unifamiliar e para as obras de adaptación dun local destinado a oficina.

Aperturas (3). Concedéronse licenzas para a adaptación dun local para salón de peiteado na rúa Progreso e para rehabilitar un edificio para uso hostaleiro na rúa Ponte Codesal. Ademais, corrixiuse unha errata nun acordo da xunta de goberno do 13 de maio referente a unha licenza na rúa Parque de San Lázaro.

Contratación (2). Ademais do expediente para a contratación do servizo de control da vexetación, a xunta de goberno desestimou integramente o recurso de alzada presentado por unha mercantil contra a decisión da Mesa de contratación de excluír a súa oferta para a redacción do proxecto e execución da demolición parcial e reconstrución dun edificio na Avda. das Caldas.

Xestión económica e orzamentaria (1). Apróbase un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 9.929,11 euros para gastos realizados en 2020 e que non puideron seguir a tramitación ordinaria.

Xestión tributaria (1) Aprobouse o proxecto de modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que se rebaixará nun 40% coa idea de que cada propietario aforre unha media duns 60 euros no recibo anual. A proposta de rebaixa deberá ser aprobada polo Pleno do Concello. Antes, comunicaráselles aos portavoces dos grupos políticos municipais a aprobación do proxecto e abrirase un prazo de 10 días no que os grupos poderán presentar emendas, se o estiman oportuno.

Publicacións Relacionadas