HomeOurenseOurenseO Concello súmase á celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual...

O Concello súmase á celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos

- Anuncio -spot_img

A concelleira de Igualdade deu lectura á declaración aprobada pola FEMP, que reivindica o compromiso “coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia”

En España identificáronse 632 vítimas de trata, das que 376 foron  sometidas a explotación sexual (16 menores), cun 98% de mulleres

O Concello de Ourense sumouse esta mañá á celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos. Nun  acto desenvolvido no salón de plenos, a concelleira de Igualdade, Noa Rouco, deu lectura á declaración institucional aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias en adhesión a esta celebración.

“Esta xornada interpélanos, como sociedade, a reforzar o noso compromiso contra unha das manifestacións máis graves de vulneración de dereitos humanos e dignidade persoal. A trata con fins de explotación sexual, así como a industria do sexo constitúen realidades profundamente inaceptables, que atentan contra a liberdade, a seguridade e a igualdade entre persoas”, manifestou Noa Rouco.

A  concelleira subliñou os preocupantes datos que se rexistran en España, xa que segundo cifras do Ministerio do Interior, en 2024 identificáronse 632 vítimas de trata, das cales 376 foron sometidas a explotación sexual. Entre elas atopábanse 15 nenas e 1 neno. O 98% eran mulleres, cifra que evidencia o carácter marcadamente feminino destas formas de violencia.

Noa Rouco concluíu: “hoxe, 23 de setembro, expresamos o noso rexeitamento firme e decidido á trata e á explotación sexual de mulleres, nenas e nenos, e renovamos o noso compromiso coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia. Cada paso que demos nesta dirección será unha contribución a un futuro máis digno en que ningunha muller, nena ou neno sexa xamais tratado como unha mercadoría”.

Publicacións Relacionadas