O goberno municipal constatou esta semana o escaso impacto das actividades programadas na feira internacional de turismo FITUR, que transcorreu esta semana en Madrid, e que estivo marcada polas restricións derivadas pola pandemia da COVID-19. Representantes da Alcaldía de Ourense acudiron á feira e ás diferentes actividades de promoción realizadas por diversas entidades galegas, e comprobaron o escaso seguimento máis aló da representación institucional das propias entidades organizadoras. Por estes motivos, o goberno municipal considera probado que esta edición da feira non xustificaba un maior investimento por parte do Concello.
A cidade de Ourense, que estivo representada na feira no expositor da Xunta de Galicia, aproveitou o certame para difundir os seus materiais divulgativos de promoción dos principais recursos turísticos da cidade. Mais a edición deste ano, fortemente marcado pola situación sanitaria e as restricións derivadas da COVID-19, mobilizou un escaso número de asistentes tanto aos espazos expositivos como as actividades programadas.
Así mesmo, comprobouse que tanto os actos de presentación de ofertas turísticas e outras actividades de promoción tiveron escaso eco no que debería ser o seu público obxectivo, xa que se desenvolveron en presenza case exclusiva de representantes institucionais de Galicia mais ca de profesionais do sector ou público con interese real por coñecer as propostas turísticas das cidades galegas.
Neste senso, o goberno municipal considera que esta edición da feira non merecía un gasto de recursos públicos maior por parte do Concello e xustifica a decisión de non realizar presentacións específicas para un público que non é o obxectivo das estratexias de promoción turística da cidade.




