HomeOurenseOurenseO goberno municipal levará ao pleno de xullo a rebaixa do 40%...

O goberno municipal levará ao pleno de xullo a rebaixa do 40% no imposto de circulación

- Anuncio -spot_img

A proposta prevé que cada propietario de vehículo aforre unha media de 60 euros no recibo anual

A Comisión de Pleno, que se celebrará o venres 25, tamén tratará a ordenanza do teletraballo e unha moción conxunta de todos os grupos da oposición solicitando a “reactivación” da Universidade Popular

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou esta mañá a convocatoria da comisión de pleno ordinario do mes de xullo, na que levará a ditame dos grupos políticos a aprobación inicial do proxecto de modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Esta proposta prevé a rebaixa dun 40% no tributo, co que cada propietario de vehículo aforraría unha media duns 60 euros no recibo anual. Esta modificación deberá ser presentada a aprobación por parte do Pleno do Concello.

A intención do goberno local é que esta rebaixa poida ser efectiva en 2022. Con esta medida, as arcas municipais deixarán de recadar 2 millóns de euros anuais. “A actual recadación ronda os 5 millóns de euros, e con esta redución os ourensáns terán 2 millóns de euros máis nos seus petos”, afirma o alcalde.

Teletraballo e Universidade Popular

Na mesma sesión da comisión de pleno -que se celebrará este venres 25 de xuño- tamén se levará a ditame a aprobación inicial da Ordenanza municipal reguladora do teletraballo no Concello de Ourense e no Consello Municipal de Deportes.

A comisión tamén tratará a proposta conxunta dos grupos políticos da oposición, que solicitan un pleno extraordinario ao redor da Universidade Popular baseada nos seguintes puntos: a reactivación do programa e servizo municipal da Universidade Popular; o compromiso de manter a Universidade Popular na Federación Española de Universidades Populares; sacar a concurso público a convocatoria das accións formativas e a publicación na páxina web do Concello de Ourense dos acordos aprobados no pleno solicitado.

Publicacións Relacionadas