A tenenta de alcalde, Ana Fernández, participou na presentación do campionato, que conta coa colaboración do Concello
O Concello de Ourense colabora no cuarto Torneo Internacional de tenis feminino Cidade de Ourense, que se desenvolverá desde o vindeiro domingo, día 11, até o 18 de agosto nas instalacións do Club Santo Domingo. A tenenta de alcalde, Ana Fernández, participou esta mañá na presentación desta competición deportiva, organizada pola Federación Galega de Tenis, que está incluída no Calendario ITF Women World Tennis Tour. O torneo ourensán nesta cuarta edición ascende á categoría W50, tras 3 edicións como W25, e repartirá 40.000 dólares en premios e outorgará 50 puntos WTA para a campioa.
O torneo contará coa participación de 21 tenistas situadas no Top 500 da WTA (asociación de tenis feminino) e será máis internacional ca nunca, con 20 países diferentes representados entre as xogadoras confirmadas. Entre estas destacan deportistas como Valentina Ryser (Suiza – 244 WTA), Tamira Paszek (Austria – ex 26 WTA), Vitalia Diatchenko – (Rusia – ex 71 WTA) ou a actual campioa galega, Celia Cerviño Rui.
Na presentación do torneo participaron a concelleira Ana Fernández, a campioa galega, Celia Cerviño e representantes da Federación Galega de Tenis, a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia.




