HomeOurenseOurenseOurense contará cun “supercámping” de iniciativa privada na zona de Regoalde, dotado...

Ourense contará cun “supercámping” de iniciativa privada na zona de Regoalde, dotado con todo tipo de servizos

- Anuncio -spot_img

O alcalde Gonzalo Jácome recibiu a Milan Holla, empresario dos Países Baixos, que promove a iniciativa, e o arquitecto Alberto de Paula

Terá 5 hectáreas e contará con zonas de glámping, bungalows e autocaravanas, restaurante e piscinas, e estará enclavado en plena natureza, a apenas 5 minutos da cidade

A cidade de Ourense contará cun “supercámping” de iniciativa privada na zona de Regoalde, na parroquia de Beiro, que estará dotado de todo tipo de servizos. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, recibiron esta mañá no Concello a Milan Holla, empresario orixinario dos Países Baixos, que promove esta iniciativa, e o arquitecto ourensán Alberto de Paula, quen redacta o proxecto

Milan Holla é un mozo empresario de orixe neerlandesa, que reside actualmente en Ourense, onde estuda Turismo, e fillo de empresarios do sector da hostalería e a construción nos Países Baixos. Son titulares dunha superficie de 5 hectáreas na zona de Regoalde na parroquia de Beiro e prevén construír unha instalación que contará con zonas específicas de glámping, bungalows e autocaravanas, un restaurante de 500 metros cadrados, e piscinas, entre outros servizos. Estará enclavado en plena natureza e a apenas 5 minutos da cidade.

O alcalde de Ourense valorou moi positivamente esta iniciativa: “presentáronnos este proxecto dun supercámping que é un revulsivo para a cidade, un novo investimento que demostra tamén o tirón que está tendo Ourense, que por iso está captando investimentos, que cada vez vai a máis con todos os eventos que estamos facendo e cada vez ten máis atractivo. Este investimento é unha boa noticia pola dinamización que supón”, aseverou.

Os promotores agardan presentar o proxecto técnico en 3 meses e solicitar os informes preceptivos por parte do Concello e Xunta de Galicia, co obxectivo de comezar a construír en febreiro de 2026.

Publicacións Relacionadas