Desde Podemos Ourense queremos denunciar publicamente a grave situación que se está a producir na cidade coa difusión masiva de vídeos e fotografías de persoas en situación de senfogarismo a través das contas de redes sociais @accionciudadanaourense e @radarvecinal21.
Estas contas están a publicar contidos nos que aparecen persoas claramente recoñecibles, sen o seu consentimento, e en moitos casos sen estar vinculadas a ningunha actividade delituosa, simplemente por atopárense en situación de exclusión social. Esta práctica, que vulnera dereitos fundamentais como o da imaxe e a dignidade, está a xerar un clima crecente de odio e violencia, tanto nas redes como nas rúas.
Por este motivo, desde Podemos Ourense presentamos un escrito formal ante a Fiscalía solicitando a investigación destas contas e a identificación das persoas responsables, así como medidas contra a posible incitación ao odio e a criminalización da pobreza que están a promover, directa ou indirectamente, a través da súa actividade.
Así mesmo, tamén diriximos un escrito ao Concello de Ourense e á Policía Local para reclamar actuacións inmediatas fronte ás chamadas “patrullas veciñais” que operan sen ningún tipo de habilitación legal, usurpando funcións públicas e podendo incorrer en comportamentos intimidatorios ou coercitivos. Estas patrullas están a ser visibilizadas e promovidas precisamente por estas contas, contribuíndo a un ambiente de persecución inaceptable contra colectivos vulnerables.
Entendemos perfectamente o malestar da veciñanza, que leva tempo sufrindo a deixadez do Concello, do alcalde e do goberno municipal, sen respostas nin solucións reais aos problemas da cidade. Estamos coas veciñas e veciños, que teñen todo o noso apoio e comprensión. Pero queremos deixar claro que o sinalamento, o acoso e a violencia non son nunca o camiño. A resposta non pode pasar por vulnerar os dereitos doutros ou por alimentar o odio social.
Desde Podemos Ourense lembramos que a pobreza non é un delito, e que ningunha persoa debería ser tratada como sospeitosa por durmir na rúa ou ter problemas de saúde mental ou adiccións. Pedimos ao Concello que deixe de mirar cara outro lado e asuma a súa responsabilidade en defensa dos dereitos humanos e da convivencia democrática.




