A xunta de goberno local abordou 29 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais
Avogacía Consistorial (19): Un auto, tres sentenzas e 15 comparecencias.
Auto: O Xulgado de Instrución ditou un Auto no que decreta o sobreseimento dunha denuncia por lesións a dous policías locais, procedéndose ao arquivo das actuacións.
Sentenzas. A primeira delas, do Xulgado do Contencioso Administrativo, estima parcialmente o recurso dunha particular e outórgalle o dereito a obter o saneamento nunha construción da súa propiedade. A demandante retirou a súa solicitude a ter subministración de auga pero o Concello deberá permitir efectuar dita conexión polo sistema técnico máis económico, xa que o proposto por Viaqua tiña un custe elevado.
A segunda sentenza estima un recurso interposto pola comunidade de veciños de Julio Prieto Nespereira 7 contra a desestimación presunta, por silencio administrativo, das ordes de execución e edificación. Esta sentenza obriga ao Concello a impoñer a orde de emprender a edificación nun prazo máximo de seis meses; a inscribir o solar no Rexistro Municipal de Solares e Terreos sen Urbanizar; a sacar a poxa pública o solar no prazo máximo dun ano; e a ordenar a execución de limpeza e roce de malas herbas e a renovación do material illante dentro do solar.
A última das sentenzas, ditada polo TSXG, estima o recurso de apelación interposto polo Concello e por unha mercantil e revoga a sentenza do xulgado do contencioso Administrativo 2 de Ourense que estimara o recurso interposto pola Comunidade de Propietarios do edificio da Avda. de Pontevedra nº 13 no que se lle requiría aos propietarios que procedesen á demolición da ampliación do fondo edificable. A primeira resolución xudicial fundamenta a anulación no feito de que o Concello incumpriu a obriga de requirirlles aos propietarios para que presentasen o proxecto de demolición antes de acudir á execución subsidiaria. Polo contrario, o TSXG considera cumprimentado o citado trámite e, en consecuencia, revoga a sentenza de primeira instancia.
Comparecencias: O Concello deberá presentarse en sede xudicial nun total de 15 procedementos. En calidade de prexudicado, para valorar o custe económico de diferentes danos no mobiliario público. En calidade de demandado, en diferentes procesos relacionados con asuntos de índole laboral, contra as decisións do Tribunal Económico Administrativo do Concello de Ourense ou en reclamacións de responsabilidade patrimonial, entre outras.
Licenzas (1). Estimouse a solicitude dun particular no sentido de declarar non necesaria a licenza de segregación dun local comercial na rúa Sáenz Díez.
Patrimonio (4). Inadmitiuse unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos ocasionados nun vehículo por un xabaril no termo municipal de Maside; desestimouse unha reclamación por danos nunha motocicleta ocasionados por un fragmento de propaganda electoral na Ponte do Milenio; e considerouse como desistida da súa solicitude de reclamación unha mercantil que non achegou a documentación requirida polo Concello.
Ademais, corrixiuse un acordo de xunta de goberno do mes de maio para cumprir a execución dunha sentenza, xa que non fora posible contactar cun particular para aboarlle os 636,38 euros dunha indemnización.
Contratación (1). Acordouse prorrogar o contrato por un ano -do 20 de decembro de 2021 até o 19 de decembro de 2022- do servizo de xestión de visitantes e atención ao público dos espazos expositivos da antiga sede do Banco de España e do claustro de San Francisco. O custe será de 25.943,95 € (IVE incluído) con 150 horas gratuítas e un prezo para as horas que se realicen fóra do horario habitual de 8,47 €/hora.
Medio Ambiente (3). Prorrogáronse, polo prazo dun ano, as concesións para o uso dos hortos destinados a fins sociais no parque de Montealegre, a tres entidades do ámbito social: Cruz Vermella Española (horto 30), Comité Cidadán Antisida de Ourense (horto 63) e Asociación Orensana de Ayuda al Toxicómano -ATOX- (horto 26).
Sanidade (1). Aprobouse a modificación do proxecto das obras de adaptación da canceira municipal á normativa vixente conforme ao documento redactado polo arquitecto redactor do proxecto, aprobado por acordo da Xunta de Goberno de 17 de xaneiro de 2019.




