A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou, na xuntanza celebrada esta mañá, 27 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.
Avogacía consistorial (5). Cinco sentenzas, tres delas estiman os recursos interpostos contra resolucións do Tribunal Económico Administrativo do Concello de Ourense relativos ao imposto sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana e ordenan que se lles devolva as cantidades de 5.981,82 euros, 17.362,28 euros e 21.092,79 euros respectivamente.
Outra estima o recurso contra a sanción imposta a unha menor de idade e anula a sanción deixándoa sen efecto, xa que o Concello non lles notificou aos pais da menor, como responsables solidarios.
Finalmente, o contencioso estimou o recurso da CIG e anula a aprobación do Capítulo 1 (o de Persoal) dos Orzamentos do Concello de Ourense de 2020. Tal como ditaba a sentenza coñecida a pasada semana, condena o Concello a convocar a Mesa Xeral de Negociación coa fin de debater os orzamentos cos sindicatos representados.
Licenzas (8). Concedéronse dúas licenzas para senllos proxectos de construción de vivendas unifamiliares; para a substitución dunha cuberta, galería e cuarto de baño nunha vivenda; para a reforma da cuberta nun edificio; para a segregación de dúas fincas; e para a instalación dun ascensor.
Por outra banda, declárase a caducidade dunha licenza para segregación de fincas -ao atoparse paralizado durante máis de tres meses por causas imputables á persoa interesada- e, finalmente, dáse conta dun cambio de titularidade na licenza urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar.
Patrimonio (6). Desestímase unha reclamación de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas como consecuencia do mal estado dunha reixa de pluviais, ao non concorrer os requisitos que dan dereito a unha indemnización. Ademais, considéranse desistidos cinco veciños do edificio emprazado na rúa Clara Campoamor 5 das súas reclamacións polos danos causados nas súas vivendas por mor das filtracións de auga, xa que o Concello entende que non completaron a información que se lles requiriu.
Contratación (1). Aprobouse o expediente para contratar o servizo de conservación, reparación, verificación e substitución de pezas dos equipos de impresión do Concello de Ourense. O prezo de licitación é de 13.446,18 € para as vindeiras tres anualidades.
Infraestruturas (2). A xunta de goberno validou a recepción do ‘Proxecto de mellora e accesibilidade na rúa Arias Páez e zona de influencia’ e aproba o gasto de 12.903,98 euros en favor da construtora.
VPP e Peris (2). Concédense dúas axudas a senllos particulares en concepto das axudas para a rehabilitación do Plan Vivenda 2018/21 dentro dos ARRUs da cidade: a primeira, por importe de 44.249,30 euros para a instalación dun ascensor no edificio da avenida de Portugal 99, e a segunda por importe de 10.800,65 euros para a rehabilitación do edificio de Doutor Marañón 10.
Medio Ambiente (3). Aprobáronse tres propostas de liberación de créditos provenientes adxudicacións que se contrataron con baixa respecto ao orzamento de licitación: o Lote 1 do Mantemento e Mellora de Zonas Verdes Públicas do Concello de Ourense (321.789,09 euros); o Lote 2 (175.229,34 euros) do mesmo contrato; e o Servizo de Xestión do Centro de Visitantes de Montealegre (12.552,43 euros). Estes 509.570,86 euros volverán ás partidas de Medio Ambiente para a realización doutros proxectos.
Recadación (1). Recoñécese a favor dun particular o importe de 101,11 euros polos ingresos efectuados en concepto de Imposto sobre bens inmobles e Imposto sobre vehículos tracción mecánica.




