HomeOurenseResumo de acordos da xunta de goberno local 24-6-2021

Resumo de acordos da xunta de goberno local 24-6-2021

- Anuncio -spot_img

A xunta de goberno local, reunida esta mañá en sesión ordinaria, deu conta de 16 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.

Avogacía consistorial (3) Tres sentenzas do Contencioso Administrativo. A primeira estima a solicitude dos representantes da Xunta de Compensación do Polígono da Zona 4 do SU 25 -os terreos da Asunción-. Os demandantes presentaran dúas solicitudes de concesión de dominio público para construír aparcadoiro. A primeira non se lles resolveu e a segunda concedéuselles. Reclaman no xulgado a primeira das licenzas e a sentenza dálles a razón. O Concello recorrerá a decisión.

A segunda dálle a razón ao Concello, que acordou non recuperar a esquina da Ponte Romana con rúa Ribeiriño ao considerar que non era municipal. A Xunta recorreu porque entende que o Concello lle atribúe a titularidade, pero o Xulgado di que non é certo que o Concello lle atribúa a titularidade á Xunta, simplemente négase que sexa de titularidade municipal.

A última dálle igualmente a razón ao Concello e recoñece a conformidade a dereito dunha denegación de solicitude de licenza na rúa Progreso.

Licenzas (8). Concedéronse licenzas para a instalación de dous ascensores en diferentes edificios da cidade e para os proxectos de reforma e construción de dúas vivendas unifamiliares. Ademais, estimáronse as solicitudes de dous particulares declarando innecesarias as licenzas para segregar parcelas, e concédeselle licenza de segregación de local comercial a unha mercantil.

A maiores, e en execución da sentenza do TSXG, requíreselle aos propietarios das salas de cine do Centro Comercial Ponte Vella un novo plan de protección que lles permita ás persoas con mobilidade reducida contar cunha saída de emerxencia específica a través do corredor de acceso, en dirección inversa, para conectar coa sala 2 e coa súa saída de emerxencia. En caso de non achegar este plan nos vindeiros 15 días, poderíase proceder ao cese de actividade e ao precinto do local.

Patrimonio (2). Considéranse desistidas senllas reclamacións de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Ourense, unha por filtracións de humidades, outra por unha caída na rúa Guizamonde.

Contratación (1). Aprobouse o expediente para contratar o servizo de mantemento de aparatos elevadores, salvaescaleiras, portas corredoiras de cristal e barreiras e portóns dos edificios municipais. Farase en diferentes lotes e anualidades cun custe anual de 87.044,4 euros.

Recadación (1). Recoñécese en favor dunha comunidade de propietarios unha indemnización substitutiva por importe de 103,71 euros logo de validar a omisión da función interventora.

Emprego (1). Recoñécese o dereito de devolución de ingresos indebidos por importe de 490,56 euros a favor do Ministerio de Presidencia y Administraciones Territoriales en concepto de reembolso de cantidades previamente pagadas dentro do proxecto municipal “Ourense+: Fomento do autoemprego no sector verde”.

Publicacións Relacionadas