HomeOurenseOurenseÚltimos días para presentar obras aos premios Risco de Creación Literaria e...

Últimos días para presentar obras aos premios Risco de Creación Literaria e Cidade de Ourense de poesía

- Anuncio -spot_img

Os certames organizados polo Concello están dotados cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora

O Concello de Ourense quere lembrarlles a todas as persoas interesadas que pasado mañá, venres, día 4 de xuño, remata o prazo para presentar traballos para os premios Risco de Creación Literaria e Poesía Cidade de Ourense, na súa edición de 2021. As obras poderanse presentar até as 14:00 horas do día 4, a través do Rexistro Xeral do Concello. Os dous certames están dotados cun premio por importe de 6.000 euros e a publicación do traballo gañador.

O premio de poesía Cidade de Ourense chega á súa edición número 37. Poderanse presentar obras en galego ou portugués escritas por persoas que non gañasen o premio nas 5 edicións anteriores. Deberán ser textos orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos e presentaranse baixo un lema. Autores e autoras que concorran desde Portugal poderán presentalos na Cámara Municipal de Vila Real.

Pola súa banda, á edición número 22 do Premio Risco de Creación Literaria do xénero narrativo, que convocan o Concello e a Fundación Vicente Risco, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, excluíndo teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. Poderán concorrer textos escritos en lingua galega, cunha extensión de entre 150 e 300 folios.

Os xurados dos dous certames serán nomeados pola Concellería de Cultura, e contarán coa participación da persoa gañadora do ano anterior e outra en representación da Corporación. A súa decisión será inapelable e terá lugar no mes de setembro.

Publicacións Relacionadas