O Concello deberá convocar mesa de negociación para debatelo cos sindicatos
A sentenza, que non afecta os demais capítulos dos orzamentos, é susceptible de recurso
O Xulgado Contencioso administrativo número 2 de Ourense ditou sentenza na que estima o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega e anula o capítulo 1 dos orzamentos do Concello de Ourense para 2020 (o que recolle os Gastos de Persoal) por falta de negociación coa organizacións sindicais. A resolución xudicial condena o Concello a convocar no prazo máximo de 20 días, a mesa xeral de negociación para debater os asuntos que as centrais sindicais solicitan en relación co capítulo de Persoal dos orzamentos do Concello.
A sentenza subliña que “a obriga de negociar era inescusable en relación ás cuestións relativas ao Capítulo 1” dos orzamentos, xa que se introducían “modificacións substanciais en relación á situación reflectida pola relación de postos de traballo”. A continuación, conclúe o xuíz que aínda que o Concello convocou xuntanzas da mesa de negociación (os días 27 de novembro de 20219 e 28 de xaneiro de 2020) para tratar estes asuntos coas centrais sindicais, “por mais que se escoitou as partes e a reunión estendeuse por máis de dúas horas e media, realmente non houbo unha negociación”.
O Xulgado anula en consecuencia a partida de Gastos de Persoal, mais non os restantes capítulos dos orzamentos que, sinala, mantéñense “inalterados”.
O Concello de Ourense estudará agora a posibilidade interpoñer o recurso ante esta sentenza, que é susceptible de recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no termo de 15 días desde a súa notificación.




