O Xulgado só estima parcialmente o recurso da sociedade estatal, e reduce a 675.139,81 euros o importe que deberá pagar o Concello
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense ditou sentenza na que exime ao Concello de abonarlle a contía de 4.492.228 euros máis intereses á Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España S.A. (ACUAES), que esta entidade lle reclamaba polas obras de construción da estación depuradora de augas residuais de Reza e polas de abastecemento de auga a cidade.
ACUAES reclamáballe ao Concello esta cantidade en virtude do convenio subscrito pola Sociedade Estatal Aguas de la Cuenca del Norte S.A., a Xunta de Galicia, o organismo autónomo Aguas de Galicia e o Concello para a execución e explotación das obras de mellora do sanemento de Ourense: EDAR de Ourense, e en virtude do convenio subscrito no seu día entre a Sociedade Estatal Augas de la Cuenca del Norte e o Concello, o 5 de decembro de 2009, para executar as obras de abastecemento de auga a Ourense. AQUAES fixaba a reclamación na contía de 4.492.228 euros máis os intereses a partir do 30 de novembro de 2019.
O Concello opúxose á demanda e o xulgado dita agora sentenza na que fixa que o Concello non ten que pagar a contía reclamada polas obras da EDAR de Reza, e só estima parcialmente o recurso e condena o Concello a abonar 631.543,24 euros derivados do convenio para as obras do abastecemento de auga máis os intereses (por importe de 43.596,57 euros), para un total de 675.139,81 euros, desestimando o recurso en todo o demais.




