- Vitoria Portas, aínda que “preocupada” polos datos de contaxios, recoñece que de forma xenérica a mocidade canguesa tivo un “bo comportamento” respecto a outras cidades da contorna. Iso si, pide outro “esforzo máis” para seguir actuando con “sentidiño” ante a falta de armas legais dos concellos tras o fin do estado de alarma e a “política de mans caídas da Xunta”
- “Son consciente de que temos gañas de estar coa familia e cos amigos pero debemos ser responsables e pensar, ademais de na saúde de quen nos rodea, naquelas familias que vense obrigadas a pechar os seus negocios novamente e que non poden gañarse o pan”, reclama
“Sentidiño” e “responsabilidade”, iso é o que pide a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, aos seus veciños tras o incremento de casos activos nos últimos días e que levaron a establecer no municipio o nivel alto de restricións. Esta chamada á sensatez da rexedora implica evitar na medida do posible as reunións de non convivintes, fundamentalmente da familia e dos amigos, para conter a propagación do virus e evitar que os contaxios sigan crecendo. “Son consciente de que temos gañas de estar coa familia e cos amigos, e é comprensible, pero debemos ser responsables e pensar, ademais de na saúde de quen nos rodea, naquelas familias que vense obrigadas a pechar os seus negocios novamente e que non poden gañar o pan para eles e os seus fillos”, reclama.
Portas, consciente da situación porque tamén xestiona a concellería de Sanidade, manifesta a súa “preocupación” polo “descontrol e desenfreo” que supuxo o fin do estado de alarma o pasado 9 de maio e que deixou aos concellos sen armas legais para afrontar e disuadir certos comportamentos desafortunados que se poidan producir. A isto súmase, di a rexedora, a “política de mans caídas da Xunta” que envorca a responsabilidade económica e social nos gobernos locais. “Non podemos criminalizar só á mocidade debido a que son as administracións superiores as que teñen que marcarlles o camiño para seguir e non o están facendo, nin lexislativamente nin sequera informándonos aos responsables locais puntualmente da evolución da pandemia en Cangas”, acusa.
Aínda así, e cos datos na man, Victoria Portas quere romper unha lanza a favor dos seus veciños e veciñas e recoñece, en xeral, o “bo comportamento da mocidade canguesa” respecto a outras cidades da contorna. Iso si, o aumento dos contaxios das últimas semanas e as novas restricións “obrígannos a facer un novo esforzo e seguir comportándonos con máis sentidiño se cabe porque as cifras de contaxios demostran que aínda non vencemos ao virus e que quedan moitas persoas vulnerables por vacinar”.
O verán, ao virar a esquina
Desde hoxe a nosa hostalería de Cangas volve sufrir outro novo pau pechando o interior e restrinxindo o servizo en terraza ao 50 por cento coa entrada en vigor das novas restricións que supón o nivel alto. Ocorre, lamenta Victoria Portas, nun momento no que o sector está “moi débil” despois dun ano de continuos peches e nunha época, a primavera, na que o turismo podería reactivarse dentro das limitacións que permiten a normativa sanitaria.
Así ben, confesa, “agora non queda máis que poñer da nosa parte para reducir ao mínimo os contaxios e salvar o verán que xa se atopa ao virar a esquina e no que centenares de familias de Cangas teñen posta a esperanza para saír desta durísima situación que atravesan. É unha responsabilidade de todos e todas pola saúde dos cangueses e pola recuperación da economía de Cangas”.




