Nas vindeiras datas o Diario Oficial de Galicia publicará un total de cinco convocatorias para a cobertura estable de 17 prazas a incorporar ao cadro de persoal facultativo
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa a avogar pola estabilización do seu cadro de persoal cara a continuar reforzando o Sistema Público de Saúde. Deste xeito, nas vindeiras datas o Diario Oficial de Galicia publicará un total de cinco convocatorias para a cobertura estable de 17 prazas a incorporar ao cadro de persoal facultativo.
Coa dita iniciativa, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés aposta por promover procesos para a vinculación de facultativos interinos en distintos servizos clínicos. Así, as 17 prazas que sairán convocadas se desglosan en: 4 na especialidade de Radiodiagnóstico, así coma 1 praza respectivamente das categorías de Análises Clínicas, Aparello Dixestivo, Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Farmacia Hospitalaria, Medicina Interna, Oncoloxía Médica, Uroloxía, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (rama de cirurxía bariátrica), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (rama de cirurxía hepato-bilio-pancreátrica), Psiquiatría Infanto-xuvenil e Reumatoloxía infantil.
Esta oferta fomenta unha notable mellora da prestación á cidadanía, convocando prazas específicas que potencien a actual cobertura asistencial pública en determinadas áreas e especialidades.
Reforzo de efectivos en Saúde Mental
Continuando na liña de reforzar o Sistema Público de Saúde en Pontevedra e O Salnés, o vindeiro luns 26 de abril incorporaránse á Área Sanitaria tres psicólogos especialistas en Psicoloxía Clínica, cinco enfermeiros especialistas en Saúde Mental e un traballador social, en execución do Plan de Saúde Mental 2020-2023 planificado polo SERGAS.
De xeito simultáneo, as ditas convocatorias incorporarán a oferta doutras futuras tres prazas de Psiquiatras, que integrarán o equipo para o desenvolvemento das fases do programa de Saúde Mental nos eidos de atención ao suicidio, hospitalización a domicilio, coordinación atención hospitalaria-atención primaria e atención á saúde mental no nivel sociosanitario.
Próxima incorporación de novos profesionais
Así mesmo, a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 2 de outubro de 2020 permitirá que proximamente se incorporen de xeito estable máis especialistas na Área Sanitaria. Aos xa incorporados (1 Anatomo-Patólogo, 2 especialistas en Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 2 Reumatólogos e 1 Urólogo) engadiránse próximamente 3 novos cirurxáns xerais e do Aparello Dixestivo, 2 Endocrinólogos, 1 facultativo de Hospitalización a Domicilio, 2 especialistas en Medicina Interna, 2 especialistas en Medicina Física e Rehabilitación, 1 facultativo de Medicina Preventiva, 1 especialista en Obstetricia e Xinecoloxía e 1 Psiquiatra.
Con estas medidas, o Servizo Galego de Saúde confirma o seu compromiso coa estabilidade no emprego e cos principios de mérito, capacidade e igualdade no acceso ao emprego público. Complementariamente, coa entrada en vigor das listas de selección temporal garántese unha maior dispoñibilidade de persoal, conciliando os intereses dos distritos sanitarios da Área de Pontevedra e O Salnés e os hospitais e centros de Atención Primaria onde se prestan servizos.




