HomePontevedraO SalnésA Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou a doazón de...

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou a doazón de 12 órganos e tecidos ao longo do pasado ano dende a súa oficina de coordinación de transplantes

- Anuncio -spot_img

Un 66% dos doadores da área eran menores de 65 anos e outro 34% rexistraba idades comprendidas entre os 65 e 74 nos de idade

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou dende a súa Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) durante o pasado ano 2020 a doazón dun total de 12 órganos e tecidos rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Segundo indica o coordinador deste Departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar, nesta Área Sanitaria foron detectados tres doantes reais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón de 7 órganos máis 5 tecidos.

No que atinxe á recepción clínica de doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2020 a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria xerou, en concreto, as doazóns de catro riles, catro córneas, dous pulmóns, un fígado e un tecido óseo.

Perfil variable dos doadores
Un aspecto importante a ter en conta é que, en función da idade e do sexo, o perfil dos doadores varía. Neste senso, o balance de 2020 revelou que un 66% dos doadores da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés eran menores de 65 anos e outro 34 % rexistraba idades comprendidas entre os 65 e 74.

Así mesmo, dos tres doantes reais que asumiu a OCT do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra o pasado ano, dous eran varóns e unha muller.

A idade do paciente que vén de falecer continúa a ser o factor determinante á hora de levar a cabo a extracción dos órganos. De aí que, tendo en conta o perfil de doante real que se rexistrou en 2020, a a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xerou máis doazóns de órganos abdominais, como ben poden ser os riles e o fígado, e tamén un número importante de córneas. Dada a avanzada idade dos doadores, rexístranse en menor cantidade as extraccións dos órganos torácicos, que na maior parte dos casos son desestimados por contraindicacións médicas.

Outro dato salientable do balance foron os doantes potenciais da Área Sanitaria que non poideron constatarse coma doadores reais por presentar negativa familiar -un deles por expreso desexo en vida do doador- e por fracaso de mantemento outro deles.

Casuística provocada pola pandemia de COVID
Estes datos respostan a casuística provocada pola pandemia de COVID, que supuxo unha posible perda de captación dalgúns pacientes potencialmente doadores e á situación de emerxencia vivida nos hospitais da Comunidade Autónoma galega.

A Oficina de Coordinación de Transplantes desta Área Sanitaria tamén é o departamento encargado de detectar aqueles posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, circunstancia que os postularía como candidatos a efectuar unha doazón.

Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria serve como enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos e cada un dos servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción.

Máis de vinte profesionais participantes
No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra son máis de vinte profesionais os que participan na extracción dos órganos correspondentes; entre eles, os membros da Oficina de Coordinación de Transplantes, integrado na actualidade por tres facultativos e dous enfermeiros, así como persoal de enfermaría, auxiliares, celadores e profesionais das áreas de Cirurxía, Anestesioloxía e Reanimación, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así coma persoal facultativo e de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos coma unidade xeradora dos potenciais doadores.

No seu papel como coordinadores, entre as funcións dos integrantes da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén está a do mantemento do doador nas condicións óptimas para que a extracción se poida levar a cabo axeitadamente.

Publicacións Relacionadas