O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, animou a facerse con algunha das publicacións para coñecer de preto o traballo e os valores da autora
Enmárcase na programación institucional para conmemorar a efeméride durante todo este ano, que suma máis de 30 actividades na Rede de Bibliotecas de Galicia
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a exposición Coñecendo a Emilia Pardo Bazán: escritora, periodista, feminista…, coa que a Biblioteca da Xunta en Pontevedra Antonio Odriozola se suma ás conmemoracións en homenaxe á autora no marco do centenario do seu pasamento. Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, nestes momentos “é fundamental achegar a todos os públicos a obra e os valores desta escritora universal con todo tipo de iniciativas que nos axuden a divulgar o seu legado”.
Recordou que a Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta conta cun nutrido grupo de obras da autora dispoñibles na modalidade de préstamo e animou facerse con algún deles para achegarse á súa lectura. A exposición da Biblioteca Antonio Odriozola inclúe unha selección de libros da escritora dispoñibles no centro para levar en préstamo, así como unha breve biografía e bibliografía e está dirixida a un público xuvenil e adulto. Poderá visitarse ata o 21 de maio e enmárcase na programación institucional posta en marcha durante este ano para conmemorar o centenario do pasamento da autora.
Preto de 70 obras en Galiciana
Neste sentido, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia está a poñer en marcha máis dunha trintena de actividades, entre exposicións, contacontos ou conferencias. A programación conmemorativa do centenario en Galicia complétase, ademais, con dous congresos internacionais así como un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra tamén nas plataformas dixitais.
Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia, onde están agora mesmo dispoñibles preto de 70 obras, incluíndo algunhas das máis destacadas como Los pazos de Ulloa ou La Tribuna. Ademais, a Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.




