• Entre as persoas que visitaron as instalacións figuran turistas de países como Arxentina, Estados Unidos, México, Alemaña ou Italia
• A tenente de alcalde e edil de Turismo, Silvia Díaz (Avante), salienta o bo funcionamento do Plan de Dinamización, impulsado co obxectivo de atraer a un público heteroxéneo ás dependencias, a través de iniciativas e actividades pensadas para xente de todas as idades
Máis de 800 persoas visitaron entre os meses de xuño e setembro a Casa Museo de Colón. Xa fose a través de grupos organizados, participantes en actividades organizadas nas dependencias ou visitas individuais, as instalacións de Portosanto acadaron unhas cifras de récord, tal e como explica a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio). “Estas 806 visitas supoñen un incremento de máis do 30% con respecto aos datos correspondentes ao período que vai desde abril ata outubro en 2021”, apuntou. Daquela, a cifra foi de algo máis de 500.
Constátase, deste xeito, o éxito que supuxo a activación do Plan de Dinamización da Casa Museo impulsado polo Concello, da que se encarga a firma Tempos Arqueólogos.
O devandito plan finánciase grazas a unha achega obtida a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Pontevedra. A xestión foi realizada polos departamentos de Turismo e de Pesca e Marisqueo, dirixidos pola propia Díaz e polo socialista Julio Casás.
Grazas a esta medida, a Casa Museo, ademais de permanecer aberta ao público durante varios meses, tamén acolleu unha serie de actividades lúdicas dirixidas a todas as idades, entre as que se incluíron visitas teatralizadas, obradoiros infantís ou charlas, entre outras. “O plan de dinamización amosa moi bos resultados en canto a desenvolver as potencialidades do Museo de Colón”, sinala Silvia Díaz, que indica que as dependencias de Portosanto “convertéronse durante estes meses nun atractivo para as persoas que visitaron o noso municipio”.
A meirande parte dos e das visitantes que quixeron coñecer o museo e familiarizarse coa teoría da orixe galega do histórico navegante proviñeron de provincias de preto dunha ducia de Comunidades Autónomas como Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Madrid, Aragón, Castela e León, Castela A Mancha, Andalucía, Extremadura, Murcia ou Canarias.
A maiores, tamén se percibiu un importante incremento de turistas estranxeiros. México, Arxentina, Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Italia ou Francia son algúns dos países de procedencia de boa parte dos e das visitantes. Con respecto á media de idade, o perfil máis habitual correspondeu a xente de entre 36 e 60 anos, se ben se detectou un importante incremento en visitas de menores de 18 anos, debido á organización de obradoiros e actividades dirixidos á rapazada, nos que practicamente se cubriron todas as prazas ofertadas. A todo isto hai que sumar, asemade, as visitas de excursionistas coordinadas pola Asociación Galicia Histórica, cuxo labor e implicación na posta en coñecemento e promoción do museo “é moi valiosa”, apunta Díaz.
Deste xeito, a titular de Turismo considera que “estamos a cubrir os obxectivos que nos marcamos a través deste Plan de Dinamización, encamiñados a fomentar as visitas e chegar a un público moito máis diversificado”. É por iso polo que o Concello continuará esta liña de traballo no futuro. Lémbrase que a Casa Museo de Colón permanecerá aberta ao público, de mércores a domingo en horario de 12.00 a 19.00 horas, ata o día 15 de outubro.
Xornadas sobre o Colón Galego
Por outra banda, a tenente de alcalde lembra que este venres, 30 de setembro, o Casal de Ferreirós acollerá as Xornadas do Colón Galego, con entrada libre á partir das 18.00 horas.
A cita inclúe dúas charlas a cargo do escritor e investigador Ángel Carracelas, autor de ‘La huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón’, e de Pedro Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica.
Unha vez rematados os coloquios, as persoas asistentes poderán participar nunha visita guiada á Casa Museo de Portosanto, ás 19.30 horas.




