A estabilidade orzamentaria e a sostenibilidade económica fan que o Concello teña un remanente de tesourería duns 920.000 euros que permitirá subir a asignación a Servizos Sociais para que se atenda o aumento de horas para evitar lista de espera no SAF
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou cos votos a favor do PPdeG e Porvir e a abstención do PSdeG-PSOE a Conta Xeral de 2020 que arroxa un superávit de 114.379,48 euros e que reflicte tamén un remanente de tesourería, unha vez eliminados os ingresos de difícil cobro, duns 920.000 euros o que veñen a certificar a solvencia e a sostenibilidade económica das contas municipais.
Precisamente, esta boa situación económica da que disfruta o Concello de Campo Lameiro permítelle acudir con fondos propios ás distintas liñas de financiamento doutras administracións como a Xunta ou Deputación que precisan de aportes económicos procedentes das arcas municipais e mesmo adiantar orzamentariamente a execución das obras ata poder recuperar ese investimento cando chegan as liquidacións, nalgúns casos ao cabo dun ano.
O axeitado equilibrio orzamentario do Concello permite tamén á Corporación aprobar, por unanimidade dos seus membros, a ampliación do capítulo adicado a Servizos Sociais para poder atender o incremento da demanda que o Servizos de Atención no Fogar (SAF) está a experimentar.
Así, tras ser lido un informe de Servizos Sociais sobre a posibilidade de dispoñer de máis horas destinadas pola Xunta ao SAF para poder atender a 5 persoas que estaban pendentes do servizo, a Corporación aprobou por unanimidade incrementar esa partida nos orzamentos para evitar que exista lista de agarda neste servizo que cada vez ten maior demanda por parte da veciñanza.
Por outra banda, a Corporación Municipal aprobou por unanimidade dos seus membros a adhesión do Concello de Campo Lameiro ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES), un proxecto medioambiental impulsado desde a Unión Europea para ir planificando iniciativas sostibles no tempo para lograr unha redución do 40% do consumo enerxético e de emisións contaminantes para o ano 2030.
Agora o Concello de Campo Lameiro terá que deseñar un plan específico para mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións municipais e dar cumprimento aos requisitos derivados da aplicación dos principios da economía circular á xestión de residuos que será obxecto de revisión no prazo de 2 anos o que permitirá avaliar os resultados obtidos en canto a redución de emisións e a diminución dos riscos asociados ao cambio climático.




