HomePontevedraA Fanpa aplaude as axudas Supera para a compra de ordenadores

A Fanpa aplaude as axudas Supera para a compra de ordenadores

- Anuncio -spot_img

O alcalde e o tenente de alcalde recibiron aos representantes das fanpas que ofreceron colaboración na difusión, e valoraron positivamente o esforzo do Concello en asumir unha competencia que non é municipal.

O Concello segue a recibir moitas chamadas de veciños e veciñas interesados na convocatoria destas subvencións.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse esta mañá coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra, acompañado do tenente de alcalde, Tino Fernández e da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, para presentarlles o borrador das axudas SUPERA para a compra de ordenadores antes de pechar definitivamente as bases para convocar a liña de subvención.
Os representantes da Fanpa valoraron o esforzo do Concello por asumir competencias que non son propias. Ofreceron a súa colaboración para difundir e comunicar as axudas entre os asociados, e incluso, axudar ás familias na tramitación.
Ao tempo fixeron algunha achega para mellorar os pregos das axudas que se coñecerán nos vindeiros días.
Mentres, as axudas SUPERA a ordenadores seguen levantando moito interese entre os veciños e veciñas de Pontevedra. Dende o inicio do proceso de información previo á convocatoria, fai agora 12 días, o Gabinete da Alcaldía encargado da xestión dos fondos recibiu unhas 240 chamadas de persoas interesadas nas axudas.
O teléfono para obter información é o 681 264 835 operativo de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, e tamén se pode cubrir o formulario de información que está cargado na páxina supera.
As axudas a ordenadores están pensadas para atender unha nova modalidade de ensino que xurdiu coa pandemia e que obrigou aos centros de educación a buscar alternativas para seguir impartindo clases e, polo tanto, tratar de corrixir a fenda dixital en algúns sectores sociais.
O Concello ten reservada unha partida de 400.000 euros para o pago destas axudas, que se podería incrementar no caso de ser necesaria. Os solicitantes poderán ser as familias empadroadas en Pontevedra con cativos e cativas menores de 18 anos e matriculados no curso 2020/2021 en centros de ensino público do concello. Cada familia poderá recibir un máximo de 400 euros por ordenador comprado.
Subvencionarase a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.
Existirá tamén un criterio económico que terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional. Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.
Oficina SUPERA e axudas ao sector servizos
O departamento de Promoción da Cidade traballa nestes días na habilitación da oficina SUPERA, que estará integrada por un técnico e por dous auxiliares administrativos durante o prazo de 2 anos, todos eles baixo a supervisión do gabinete de Alcaldía.
E tamén, en paralelo, a concellaría que xestiona Anabel Gulías está a traballar na segunda convocatoria das axudas Supera destinada ao sector servizos.
PLAN SUPERA
O Plan Supera é o plan de reactivación económica do Concello de Pontevedra para combater os efectos desta pandemia da Covid. “Trátase de inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo, investindo en cuestións fundamentais como dar servizos aos cidadáns, mellorar a calidade de vida e a calidade urbana tanto nos núcleos rurais como no centro urbano e dar, en definitiva, máis e mellores servizos” como ten resumido o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Estas liñas están recollidas na páxina web supera.pontevedra.gal. Os apartados son “Coidado das persoas” onde se atopan as axudas a ordenadores; o segundo
enfocado a apoiar a cultura local e o deporte; o terceiro atinxe á economía local a través da convocatoria Supera21; e o cuarto abrangue os investimentos de futuro.
• Coidado das persoas inclúe a convocatoria de ordenadores, axudas de emerxencia, axudas destinadas á provisión de produtos e bens de primeira necesidade en tempos de Covid-19, renda social, atención a vítimas e violencia machista, e infraestruturas sociais como o Centro Sur ou a reforma do edificio de Santa Clara.
• Apoio á cultura local e ao deporte destinado a promover a programación de eventos e o fomento de actividades na rúa con repercusión no comercio local, tendo en conta a evolución da situación sanitaria. Mantense a liña de traballo iniciada en 2020 na programación de verán e do Nadal ou a xestión de fondos para o deporte local evitando os problemas que están a ter os clubs.
• Apoio á economía local é, fundamentalmente, a convocatoria das axudas Supera21, cuxas bases está previsto que saian publicadas ao longo do mes de marzo. Estas bases están sendo consensuadas con todos os sectores económicos para que acheguen ideas que poidan ser recollidas na nova convocatoria.
• Investir no futuro refírese á inxección de liquidez na obra pública e nos sectores tractores da cidade capaz de redistribuír a riqueza. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza e xerar unha cantidade importante de postos de traballo grazas ao plan de investimento no que se recolle a dotación de equipamento, melloras de reurbanización e dotación servizos.

Publicacións Relacionadas