• O alcalde Jorge Cubela lembra á veciñanza da importancia de ter ao día os vehículos agrícolas para evitar problemas técnicos e tamén posibles accidentes que se poidan chegar a producir
Tractores e vehículos agrícolas de CerdedoCotobade e municipios limítrofes poderán ser examinados na Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas instalada durante todo o día do mércores 24 de marzo (de 9 a 13:30 e de 15:15 a 18 horas) fronte ao colexio público de Cerdedo e pola mañá do xoves 25 no aparcadoiro do campo de fútbol das Extremas, en Rebordelo, de 9 a 13:30 horas.
Para poder pasa-los controis técnicos que realizará a empresa concesionaria de Inspección Técnica de Vehículos, Supervisión e Control, deberán solicitar cita previa chamando ao teléfono 902 30 90 00 ou a través de internet na web www.sycitv.com.
Os procesos de inspección centraranse, fundamentalmente, en comprobar o estado dos freos e da dirección, así como outros puntos vitais na seguridade destas máquinas de uso agropecuario.
A revisión realizada por esta ITV móbil ten a mesma validez que calquera outra permanente existente en Galicia e o feito de que se instale en Cerdedo e tamén no campo das Extremas, en Rebordelo, permitirá aos propietarios de vehículos agrícolas do municipio e doutros lindeiros poidan pasar a correspondente revisión con total comodidade ao non ter que desprazarse ás existentes en Ponte Bora ou Curro, entre outras.
A revisión periódica destes vehículos agrícolas é obrigatoria e, ao mesmo tempo, é unha medida preventiva que mellora a seguridade dos usuarios destas máquinas que, por desgraza, son obxecto de continuos accidentes no mundo rural. Asi, poderán facer uso deste servizo os tractores agrícolas, maquinaria autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas.
A frecuencia obrigatoria para pasar a ITV está establecida do seguinte xeito: ata 8 anos, exento; de 8 a 16 anos, deben facela bianualmente e de máis de 16 anos cada anualidade.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela, coa instalación da Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas en Cerdedo, “preténdese achegar e favorecer a proximidade e o mellor acceso de todos os veciños aos servizos comunitarios á vez que se evitan desprazamentos incómodos que resultan, á vez, custosos para os usuarios.
É importante ter ao día os vehículos agrícolas para evitar problemas técnicos e tamén posibles accidentes que se poidan chegar a producir”, indicou o rexedor.




