O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira de Turismo Silvia Cernadas destacan o traballo desenvolto desde o comezo do mandato para converter Soutomaior nun referente de atractivo turístico.
O Goberno de Soutomaior informou hoxe dos datos de atención ao público na súa Oficina de Turismo, conseguindo a cifra máis alta desde que existen rexistros. En total, entre os meses de xuño e setembro, a Oficina de Turismo de Soutomaior atendeu a máis de 16.000 persoas que chegaron ao noso concello. En comparación co ano pasado, no que xa se rexistraron os mellores datos históricos con case 4.000 persoas, supón un incremento do 300%, multiplicando por catro o numero de persoas atendidas.
A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, subliñou que “esta evolución dos datos referenda o traballo realizado polo Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato á hora de potenciar o atractivo turístico do noso concello”. Entre as principais medidas impulsadas polo Goberno local destacan o traslado da Oficina de Turismo desde o Muelle de Arcade ata o barrio da Feira, en pleno Camiño de Santiago; a entrada de Soutomaior na Rede de Oficinas de Turismo ‘Info Ríasbaixas’; e a consecución dunha subvención de 7.000€ para a contratación de persoal de Turismo Rías Baixas.
Neste sentido, a concelleira Silvia Cernadas agradeceu o inmenso traballo desenvolto polas dúas técnicas da Oficina de Turismo de Soutomaior á hora de atender a estas máis de 16.000 persoas. “Elas son en moitos casos o primeiro contacto das persoas que nos visitan con Soutomaior, polo que o seu traballo é fundamental para que a imaxe que se traslada do noso concello sexa a mellor”, indicou Cernadas, quen tamén engadiu que “este é o camiño e seguiremos traballando nesta liña porque os datos así o avalan”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “os datos de atención ao público na Oficina de Turismo confirman que o noso concello estase a converter cada vez máis nun destino de referencia para as persoas que non son de aquí”. Non só na comarca, senón que no resto do País e a nivel internacional, cada vez son máis as persoas que consideran Soutomaior como un lugar que visitar e ao que volver”, engadiu o alcalde.
Lourenzo salientou que “hoxe Soutomaior ten unha axenda de actividades que é envexa en toda a provincia, converténdose nun dos principais foco de atracción de visitantes de toda a Ría de Vigo. A iso cómpre sumarlle o noso inmenso patrimonio natural e histórico, a ampla e excelente oferta gastronómica dos nosos negocios de restauración e todos os servizos que pon a disposición das persoas o Concello de Soutomaior. No Goberno de Soutomaior imos seguir traballando para seguir potenciando todos eses ámbitos”, concluíu o alcalde.




