HomePontevedraPoioA posta a punto da drenaxe centra os traballos de mellora do...

A posta a punto da drenaxe centra os traballos de mellora do campo de fútbol da Reiboa

- Anuncio -spot_img

• A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, pasou revista ao estado dos traballos, que inclúen a dotación dun céspede sintético de última xeración

• A empresa adxudicataria tamén procederá a substituír os bancos de suplentes no campo da Seca, ademais das láminas de superficie desa zona

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), vén de inspeccionar este venres o avance nas obras que se están a acometer no campo de fútbol da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán. Este é un proxecto que conta cun orzamento que supera os 200.000 euros e que contempla, entre outras novidades, a dotación dun céspede sintético de última xeración, homologado pola FIFA para a disputa de competicións oficiais.

Tal e como explicou Caldas, a empresa adxudicataria xa concluíu a retirada da antiga superficie, que se atopaba nun importante estado de deterioro. Actualmente, as tarefas céntrase na limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe. Ademais, estanse a levar a cabo reparacións no asfalto do terreo de xogo, a fin de garantir a escorrentía das augas.
“Este punto da actuación é moi importante, porque axuda a garantir que non se produza acumulación de auga na superficie, como acontecía nos últimos tempos, e que provocaba a degradación do céspede”, explicou a titular de Deportes. Unha vez que estes traballos conclúan, procederase á dotación do novo tapete, ademais de renovar porterías, os canóns de rego e as bandeirolas situadas nos currunchos do terreo de xogo.

Se non se produce ningún contratempo, o campo de fútbol volverá a estar a disposición dos clubs e usuarios e usuarias este outono. “A previsión é que no mes de novembro xa estea operativo e poida acoller adestramentos e competicións oficiais e de base, como era habitual”, sinala Marga Caldas, que agradece a comprensión do tecido deportivo sobre as consecuencias que teñen estas obras tan necesarias. Ademais, a edil nacionalista adiantou que a adxudicataria tamén procederá á substitución dos bancos de suplentes e das láminas de céspede que hai nesa zona no terreo de xogo da Seca.

Una vez máis, Marga Caldas tamén confirmou que as tarefas non afectan ao espazo que
acolle os circuítos que utiliza habitualmente a Escola de Ciclismo, que seguen operativas.
“Queremos consolidar esta área como un punto de referencia multidisciplinar en chave
deportiva e de hábitos saudables”, conclúe a edil de Deportes.

Publicacións Relacionadas