• Cubela destaca deste espazo de lecer integrado na contorna o seu respecto sostible co seu valor medioambiental ao tempo que combina a práctica do deporte, o xogo e os hábitos saudables
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou o remate dos traballos realizados no entorno da praia fluvial de Cerdedo, considerada a mellor área de lecer e de baño nas zonas de augas continentais con cualificación de “excelente” na provincia de Pontevedra e constatou a súa idioneidade para afrontar a nova temporada estival marcada pola desescalada.
A actuación do goberno na zona permitiu mellorar os espazos actuais coa construción de diversas infraestruturas e servizos de lecer, integrados na contorna para respectar o seu valor ambiental, mantendo vinculación co deporte, o xogo e os hábitos saudables. Asemade tamén se melloraron os viais de comunicación desta infraestrutura turística cos establecementos de hostalería existentes en Cerdedo co fin de facilitar o acceso e o consumo dos produtos de calidade nos negocios da vila.
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar tamén os labores de acondicionamento, mellora e limpeza das praias fluviais e das zonas acuáticas de lecer de todo o municipio para telas nas mellores condicións para a tempada de baño que agora comeza e que se intensificará a partir da segunda quincena do mes de xullo.
O concello de Cerdedo-Cotobade lidera a oferta de praias fluviais e de zonas de baño de augas continentais en toda Galicia, xa que dispón novamente de ata seis espazos catalogados para este lecer no censo oficial da Consellería de Sanidade e todos eles cunha calidade das augas de primeiro nivel. Así, ademais da citada contorna de Cerdedo, tamén
figuran as áreas de Carballedo, Xesteira (Almofrei), Pozo Negro (Rebordelo), Viascón e Calvelo (Tenorio).
Segundo o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, “estamos facendo un esforzo continuo e importante por adaptar a nosa oferta turística de calidade aos estándares máis esixentes porque queremos ofrecer aos novos veciños e visitantes un turismo seguro e de calidade que teña a excelencia das nosas augas e a beleza paisaxística dos nosos entornos
como o noso principal capital. Queremos que se coñeza o noso concello como un destino xeoturístico estratéxico marcado pola harmonización entre a natureza e o turismo verde, familiar e de experiencia. Aí xoga un papel fundamental a nosa oferta en praias fluviais con augas de baño excelente, a maior oferta neste tipo de espazos de augas continentais en
Galicia que agora aumentará o seu atractivo cando incorporemos os Baños do San Xusto como elemento diferenciador que catalice aos máximos niveis tamén a nosa oferta en turismo termal e de augas minerominicinais.
Estamos afrontando o presente mirando cara ao futuro”, indicou Cubela.




