HomePontevedraA Xunta de Galicia efectuará no peirao de Arcade novos cribados con...

A Xunta de Galicia efectuará no peirao de Arcade novos cribados con PCR convencional cara a ampliar a detección da Covid 19 no concello de Soutomaior

- Anuncio -spot_img

Esta iniciativa preventiva da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés terá lugar dende o vindeiro luns 8 ata o xoves 11 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde, efectuará no peirao de Arcade dende o vindeiro luns 8 ata o xoves 11 de marzo de 2021 novos cribados poboacionais con PCR convencional cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos da COVID 19, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus no Concello de Soutomaior.

Á dita iniciativa preventiva a Administración Sanitaria Pública galega vai convocar, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación de Soutomaior dentre 30 a 64 anos de idade con tarxeta sanitaria activa nos centros de saúde deste Concello, colectivo que nesta localidade acada as 2.500 persoas.

Para levar a cabo este cribado, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará no peirao de Arcade con dous equipos de enfermaría en cada turno, efectuando tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, extracción das mostras nasofarínxeas e aportando información aos usuarios.

Unha vez procesadas as mostras no laboratorio de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, os resultados positivos notificaránse contactando directamente vía telefónica con cada persoa, mentres que os negativos serán comunicados por SMS pola Área Sanitaria nun prazo dentre 24 e 48 horas.

Dous cribados en centros educativos de Soutomaior
De xeito complementario, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés efectuará a vindeira semana dous cribados poboacionais en sendos centros educativos do Concello de Soutomaior.

Así, o luns 8 de marzo, no CEIP Manuel Padín -con 450 convocados- e o martes 9 de marzo no IES de Soutomaior -con 560 convocados- os equipos extractores desprazaránse para efectuar PCR convencionais entre ditas comunidades educativas cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos da COVID 19.

Publicacións Relacionadas