HomePontevedraA Xunta impulsa a itinerancia das exposicións do Gaiás coa inauguración de...

A Xunta impulsa a itinerancia das exposicións do Gaiás coa inauguración de “Galicia, de Nós a Nós, no Museo de Pontevedra”

- Anuncio -spot_img

A mostra enmárcase no programa lanzado polo Goberno galego para achegar os contidos da Cidade da Cultura a toda a comunidade autónoma

A Xunta de Galicia avanza no seu obxectivo de estender a toda a Comunidade os contidos culturais producidos pola Cidade da Cultura e faino impulsando o plan de itinerancias das exposicións do Gaiás coa inauguración esta semana no Museo de Pontevedra da exposición Galicia, de Nós a nós.

A mostra, estreada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e exhibida posteriormente no Centro Marcos Valcárcel e na sede de Afundación en Ourense, chega agora ao Museo Provincial de Pontevedra completando así o mapa das grandes cidades asociadas á Xeración Nós. Organizada pola Xunta de Galicia, primeiro coa Deputación de Ourense e agora coa Deputación de Pontevedra, a exposición recibiu no seu conxunto 22.000 visitantes, aos que se suman outros 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia. Agora, poderá visitarse no Museo de Pontevedra desde este xoves 20 de maio e ata o vindeiro 11 de xullo.

Comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, Galicia, de Nós a nós foi concibida como unha das tres grandes mostras organizadas pola Xunta con motivo do Xacobeo 21-22, tomando o relevo a Galicia, un relato no mundo e precedendo a Galicia futura, exposición que se inaugurará este verán no Gaiás e coa que se pechará esta triloxía.

A Cidade da Cultura, inmersa precisamente neste momento na elaboración do seu segundo plan estratéxico, fixase como unha das súas novas liñas de traballo operar como unha factoría de contidos para toda Galicia, de xeito que os seus proxectos culturais poidan circular por outros espazos da comunidade.

Unha viaxe ao tempo de ‘Nós’
Galicia, de Nós a nós reúne máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles da conmemoración do centenario da publicación da revista Nós. O Museo de Pontevedra exhibirá así, en tres das súas salas, obras que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

En conxunto ceden obra para a exposición máis de 60 institucións e prestadores privados e entre as súas pezas, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

Publicacións Relacionadas