― Estes traballos desenvólvense nun treito deste río de preto de 1,1 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María de Alba e de San Vicente de Cerponzóns
― As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle e na eliminación de especies invasoras
― As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-sur
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río da Gándara, ao seu paso polo concello de Pontevedra.
Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de preto de 1,1 quilómetro de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María de Alba e de San Vicente de Cerponzóns.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies invasoras. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e as súas zonas de acceso e protección.
Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.




