O pavillón deportivo do CPI de Cova Terreña está a ser obxecto de obras para o reforzo estrutural dos panos da fachada estrutural. Os traballos que se están executando trátanse da colocación de perfís metálicos de L100.10 ancorados aos piares existentes.
A dirección do centro educativo vén realizando esta petición desde hai anos. A mediados do mes de novembro puxo en coñecemento do novo equipo de goberno da grave problemática. Desde a Concellería de Educación e o departamento de urbanismo municipal actuouse rapidamente enviando á arquitecta municipal para que redactase o correspondente informe que foi tramitado para o seu envío urxente á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra.
O pavillón deportivo do CPI de Cova Terreña é utilizado pola comunidade educativa pero tamén por distintos clubs deportivos baioneses que utilizan o espazo para práctica deportiva.
As instalacións do pavillón deportivo do Colexio Cova Terreña permaneceron pechadas mentres se realizaron as revisións pertinentes por parte dos servizos técnicos e a actividade dos escolares e dos clubs deportivos tiveron que ser derivadas ao pavillón municipal de deportes.
O Alcalde de Baiona, #Jesús Vázquez Almuíña, sinala que “ Se trata dunhas obras moi necesarias e demandadas pola comunidade educativa do centro. O seu deficiente estado de conservación, constituía un perigo para o alumnado e os usuarios das instalacións, ata o punto que se decidiu pechar o pavillón. As obras, xa iniciadas, teñen un custo de 20.000 euros que asume a Xunta de Galicia. Os nenos e nenas do CPI de Cova Terreña e os deportistas dos distintos clubs de Baiona poderán utilizar nos próximos días este espazo do colexio nas mellores condicións de seguridade posibles tras realización destas importantes actuacións na edificación”.
O xefe territorial da Consellería de Educación achegouse ata o colexio para supervisar estas obras xunto coa concelleira de educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, e a directora CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro.




